O BNG rexeita a resolución da ONU sobre o Sáhara e acusa o Consello de Seguridade de avalar a "ocupación marroquí"
A Executiva Nacional do BNG critica a "proposta de autonomía" impulsada por Marrocos e denuncia un "grave retroceso" no dereito á autodeterminación do pobo saharauí.
O BNG vén de manifestar o seu rexeitamento á resolución do Consello de Seguridade das Nacións Unidas que renova o mandato da misión da ONU no Sáhara Occidental (Minurso). A formación nacionalista considera que o texto supón "un grave retroceso" que se desvía do dereito internacional, ao situar como base das negociacións a proposta unilateral de autonomía presentada por Marrocos, o que na práctica, advirte, "pretende recoñecerlle unha soberanía que non existe".
A Executiva Nacional do BNG denuncia, nun comunicado remitido aos medios, que a resolución "está chea de contradicións" e responde a intereses xeoestratéxicos das potencias occidentais, e non á defensa dos dereitos do pobo saharauí. O documento, promovido polos EUA e os seus aliados, foi aprobado co voto a favor de once Estados, mentres que China, Rusia e Paquistán se abstiveron e Alxeria non participou na votación como medida de protesta.
"A abstención de potencias como a China, a Rusia e o Paquistán, así como a non participación de Arxelia, demostran as profundas divisións no seo do Consello de Seguridade. Órgano que, cómpre lembrar, non é representativo da pluralidade multipolar que se articular no seo da propia ONU", sinala o comunicado.
O BNG critica que o texto ignore a doutrina consolidada das Nacións Unidas sobre descolonización e autodeterminación, e advirte de que ningunha fórmula de autonomía é lexítima se non se inscribe no marco dun referendo libre e vinculante.
"A vontade do pobo saharauí, expresada democraticamente, é a única que pode outorgar validez e lexitimidade a calquera opción política. A autodeterminación é un principio xurídico incuestionábel, avalado polo dereito internacional e por fallos da Corte Internacional de Xustiza, que deixaron claro que a súa esencia reside nunha consulta libre e real á poboación. Non é un concepto subxectivo nin negociábel", recalca o BNG.
A formación nacionalista considera "inaceptábel" a posición do Estado español, ao que acusa de "entregar o Sáhara á forza invasora e colonizadora que é Marrocos".
Demandas ante "unha situación inxusta"
Entre as súas demandas, o BNG reclama o cumprimento do Plan de Arreglo de 1991, que estabelece o referendo de autodeterminación como única vía lexítima para resolver o conflito e que a Minurso, cuxo mandato foi prorrogado até outubro de 2026, organice de inmediato esa consulta.
Aliás, a formación nacionalista urxe que o Estado español e a UE poñan fin á súa complicidade e acaten as sentenzas do Tribunal de Xustiza da UE, que anulan os acordos comerciais con Marrocos que inclúan o Sáhara Occidental.
Piden tamén o cesamento da explotación ilegal dos recursos naturais saharauís por parte de empresas internacionais e a fin das violacións dos dereitos humanos por parte de Marrocos nos territorios ocupados.
"Só o pobo saharauí pode decidir o seu destino. Un pobo que leva décadas de sufrimento e exilio. A súa firmeza, dignidade e resistencia son un exemplo para todos os pobos que loitan pola súa liberdade. ", conclúe a Executiva Nacional, reafirmando o "firme compromiso" do BNG de seguir apoiando politicamente e socialmente a causa do Sáhara libre.


