O BNG reclama en Taboada o arranxo da estrada N-540: "É un perigo"

Nun comunicado, a formación nacionalista sostén que a estrada N-540 "segue nun estado de conservación pésimo durante todo o percorrido desde Lugo a Ourense".
Mobilización do BNG en Taboada polo arranxa das estradas (Foto: Nós Diario).
photo_camera Mobilización do BNG en Taboada polo arranxa das estradas (Foto: Nós Diario).

O BNG solicitou o arranxo integral da N-540 cunha concentración á altura de Meixonfrío, no concello de Taboada (comarca de Chantada). Ademais, a formación avanza iniciativas para solicitar ao Goberno do Estado que adopte medidas ante o seu estado "pésimo".

Foi cunha concentración con presenza, entre outros, do deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego; o vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro e o tenente de alcalde de Taboada, o nacionalista José Portela, ademais de concelleiros e veciños de Monterroso, Taboada e Chantada.

Nun comunicado, os nacionalistas sosteñen que a estrada N-540 "segue nun estado de conservación pésimo durante todo o percorrido desde Lugo a Ourense".

Arranxo integral

Ademais, avanzan que o BNG pedirá ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana que se inclúan unha serie de partidas para o arranxo integral da estrada. Neste sentido, reclaman unha actuación inmediata, especialmente nos puntos "onde o perigo para a circulación é maior".

“Precisamos vías seguras para estar conectados con Ourense, unha cidade coa que se ten moita relación comercial” informou Néstor Rego ás persoas congregadas no concello taboadés. Para alén diso, a formación nacionalista asegura que estará atenta a que “se cumpra o arranxa integral da estrada antes do ano 2025”.

Comentarios