luns 01.06.2020

O BNG reclama un “plan de choque” para as residencias

Ana Pontón denunciou este domingo a “falta de iniciativa” do Goberno galego ante a situación que se vive nas residencias de maiores, “o propio presidente da Xunta afirmaba na súa comparecencia que seguirán medrando os contaxios nestes centros pero non achegou nin unha soa medida para frear a expansión do virus entre un colectivo especialmente vulnerábel”.

Ana Pontón durante a videoconferencia con sanitarios e persoal de servizos socais (BNG).
Ana Pontón durante a videoconferencia con sanitarios e persoal de servizos socais (BNG).

A dirixente do BNG lamentou a falta de iniciativa do Goberno de Feixoo e instouno a “ir máis aló dunha mera enumeración da situación”, coa adopción de “medidas contundentes e con urxencia”. “Nin unha proposta, nin unha medida por parte do Goberno galego para evitalo, nada sobre como garantir que as residencias conten con material de protección, nada sobre a execución dun plan de choque coa realización masiva de test entre persoas usuarias e traballadoras, como demanda o BNG, nada sobre como evitar que a situación nestes centros, que xa é durísima, empeore”, advirtiu Pontón.

A portavoz nacional do Bloque reclama do Executivo da Xunta “que asuma a súa responsabilidade” e que active un plan de choque destinado ás residencias que inclúa a dotación do material sanitario de protección, test masivos e intervención das residencias privadas. En definitiva, “unha batería de medidas que permita protexer as persoas maiores”, sintetizou.

Suspensión da actividade esencial

A respecto da decisión do Goberno estatal de fechar toda a actividade económica, Pontón puxo de manifesto que “chega tarde pero mellor tarde a que non se produza porque sabemos que quedar na casa salva vidas e non se xustifica que nunha situación de emerxencia non se paralizase a actividade non esencial”.

A líder nacionalista, que lembrou que o BNG xa reclamara até en dúas ocasións no Congreso esta medida, agregou que “o importante é poñer por diante a vida das persoas a saúde dos e das traballadoras, salvar vidas, o primeiro agora mesmo é garantir a saúde e superar canto antes a crise sanitaria”. Despois, dixo, haberá que abordar a recuperación da actividade económica, “un tema que por suposto tamén nos preocupa”. “Será necesario pór en marcha as medidas que permitan afrontar os efectos dunha crise económica que xa está tendo graves consecuencias”, concluíu.

comentarios