xoves 26/11/20
Néstor Rego rexistra as emendas parciais ás contas estatais

O BNG reclama 1.000 millóns para Galiza nos orzamentos do Estado

O deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego, explicou xunto á portavoz do Bloque Nacionalista Galego as emendas que o seu partido aplicará de xeito parcial aos orzamentos xerais do Estado español, e que se moven en tres eixos: infraestruturas, política social e medio ambiente.
Néstor Rego xunto á portavoz do BNG, Ana Pontón. (Foto: Europa Press)
Néstor Rego xunto á portavoz do BNG, Ana Pontón. (Foto: Europa Press)

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) rexistra mañá as emendas parciais aos orzamentos xerais do Estado español na procura de incrementar as partidas para Galiza en 1.000 millóns de euros, aínda que as propostas dos nacionalistas acadarán os 1.300 millóns. Así o explicaron na segunda feira a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o deputado no Congreso, Néstor Rego, co fin de darlle a volta á "discriminación" que supón o proxecto de orzamentos presentado polo Goberno que forman  PSOE e Podemos.

A formación nacionalista valora os elementos positivos dos orzamentos, “como a redución nas peaxes da AP9 grazas ao acordo de investidura”, que demostra que ter “voz propia” no Congreso é chave para “defender os intereses dos galegos e das galegas, fronte ás forzas estatais que se alternan nos recortes a Galiza”, explican.

“Sabemos que os e as deputadas galegas do PP votarán en contra recollan o que recollan os orzamentos e sabemos que o PSOE votará a favor porque para eles os intereses do partido están por riba”, denunciou Ana Pontón, para quen “non poden considerarse sociais uns orzamentos que discriminan a Galiza”.

“Cando se alega que son contas expansivas e sociais para recriminar ao BNG teño que dicir que os orzamentos son igual de expansivos e sociais en Catalunya ou en Valencia, por pór un exemplo, e neses territorios o investimento sobe 48 e 45% respectivamente, porque non ese mesmo trato para Galiza?”, preguntou,  “non podemos aceptar un novo recortazo como se aquí non houbese necesidades que atender, máxime nun contexto de crise económica e social que ten moitas persoas e moitos sectores contra as cordas”.

Na mesma liña expresouse o deputado Néstor Rego, "estamos con total disposición de negociar, pero o BNG non vai colaborar nuns orzamentos que discriminan a Galiza”, e en referencia ao PSOE engadiu, que "non obstante non ten problema en votar con VOX e co PP cando se trata de impedir que se investigue a corrupción da monarquía".

Rego subliñou que as emendas parciais están en relación con tres eixos: infraestruturas, políticas sociais e medio ambiente. Así, búscanse melloras na rede ferroviaria interna e con Portugal e no terreo social compensar a débeda en dependencia, para a que piden 250 millóns adicionais.

No relativo ás cuestións ambientais Rego destacou a rexeneración das rías recollendo tamén compensacións económicas por actividade cesante ao sector marisqueiro.

comentarios