Sesión de control

BNG e PSdeG reprochan a “liquidación” dos servizos públicos e Feixoo acúsaos de “insidiosos”

O presidente da Xunta acusa os nacionalistas de estar “máis interesados na independencia que na sanidade” e pide aos socialistas que non lle dean “leccións”. Vídeo no interior

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, no pleno do Parlamento (Foto: Arxina)
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, nun pleno do Parlamento nunha imaxe de arquivo (Foto: Arxina)

A situación dos servizos públicos, con Atención Primaria no foco, centrou a sesión de control ao presidente que esta cuarta feira se desenvolveu no parlamento galego. Tanto nacionalistas como socialistas debullaron os recortes e retrocesos ao longo destes 12 anos de Gobernos do PPdeG nestes campos ante un impasíbel Núñez Feixoo que se presentou como valedor dos servizos públicos fronte, por unha banda, ao Executivo de Madrid e, por outra, ao “catecismo nacionalista”.

Ana Pontón (BNG) reprochoulle as consecuencias que para Atención Primaria, e a sanidade pública, teñen as políticas do PP ao longo desta década e leu varias declaracións de traballadoras e traballadores deste servizo público no que expoñían os problemas e carencias que atravesan.

“Ten que decidir de que lado está”, emprazou ao presidente, ao que acusou de “empregar esta pandemia” para debilitar a Atención Primaria.

Unha acusación que non gostou a Núñez Feixoo, que acusou á portavoz do BNG de dicir “insidias”. Ao voceiro do PSdeG, Gonzalo Caballero, acusouno momentos antes de “sacar datos ao chou” cando lle debullou as estatísticas que indicaban como Galiza estaba por baixo da media estatal en non poucos servizos públicos: prazas de residencias públicas, gasto por habitante, servizo de axuda no fogar..

Pontón expuxo unha serie de propostas para “recuperar” a Atención Primaria: desde un plan de choque até a creación de xerencias, pasabdo por destinar 25% do orzamento de sanidade a A.P ou que a xunta convoque as 6.000 prazas vacantes que hai no Sergas. “Rectifique, deixe de ser o liquidador da Atención Primaria”.

Para o presidente, as críticas do BNG aos recortes na sanidade privada non son novas e responde  a un “catecismo nacionalista” que, dixo, “debería de actualizarse”. Acusou na Pontón de facerlle os mesmos reproches que en 2009 lle facía o entón portavoz nacionalista na Cámara, Carlos Aymerich. E acusou o BNG “de estar máis interesado na autodeterminación e na independencia que na sanidade pública”. “A min”, concluíu, “interésame máis a sanidade pública que a autodeterminación”.

Caballero, de por parte, responsabilizou o PPdeG de “coa boca pequena, debilitar os servizos públicos” e tamén instou o presidente a “rectificar” e acabar cos “12 anos debilitando os servizos públicos”.

O socialista incidiu en que Galiza estaba “á cola” do Estado en gasto por habitante nos servizos públicos ou no número de prazas por habitantes en residencias públicas. “Cando falamos de servizos públicos, falamos de dereitos, e non queremos ser unha comunidade de segunda”, dixo.

Feixoo, pola contra, gabouse de compromiso cos servizos públicos e aproveitou para atacar o Goberno estatal, ao que acusou de non cumprir no financiamento da Lei da dependencia.

Comentarios