O BNG propón superar o SMI que din os expertos e alcanzar os 1.320 euros, como prevé a Carta Social Europea
O BNG expuxo ao Goberno español o obxectivo de elevar o Salario Mínimo Interprofesional (SMI) até os 1.320 euros ao mes durante 14 pagas en 2025, para que así se corresponda co 60% do salario medio do Estado español tal como estabelece a Carta Social Europea. Desta maneira, anima o Executivo a ir máis aló da suba que propuxeron os expertos que o asesoran nesta materia, que situaría o SMI, no máximo, segundo a súa recomendación, en 1.184 euros.
En plenas negociacións do Ministerio de Traballo cos sindicatos para revalorizar o SMI, a senadora do Bloque, Carme da Silva, explica nunha pregunta escrita rexistrada no Senado que en 2024 o salario mínimo (1.134 euros) representou 51,5% do salario medio, que o ano pasado alcanzou os 2.200 euros segundo datos da Axencia Tributaria.
Unha cantidade, di, que "está moi lonxe do salario mínimo recomendado polo Consello de Europa. "Debería de ser de 60% e, por tanto, chegar aos 1.320,04 euros ao mes para 2025", reclama a senadora no documento, ao que tivo acceso Europa Press.
A recomendación dos expertos: unha suba de 50 euros
Polo momento non hai unha proposta firme sobre a mesa, pero o Comité de Expertos que asesora o Goberno do Estado para a suba do SMI recomendou ao departamento liderado pola vicepresidenta Yolanda Díaz que o incremente este ano un 3,4% (até os 1.172,5 euros) ou un 4,4% (situándoo en 1.184 euros ao mes).
A raíz destas propostas, o BNG pregunta agora ao Goberno se non debería coller como referencia os mesmos datos que manexa o Comité Europeo de Dereitos Sociais, que toma como referencia os módulos salariais que publica a Axencia Tributaria. A senadora Da Silva pide coñecer tamén se o Executivo ten previsto cumprir co contido da Carta Social Europea e situar o SMI en 60% do salario medio para 2025.
Por último, o BNG pregunta sobre cal vai ser a posición do Ministerio ante unha eventual resolución do Comité Europeo de Dereitos Sociais que ditamine o incumprimento por parte do Estado no que ao salario mínimo se refire, e se rectificará para cumprir "efectivamente" coa Carta Social.
