O BNG cre que hai unha "emerxencia machista" e exixe a Rueda "un comité de crise"

Noa Presas demanda aclaracións de Alfonso Rueda no Parlamento galego polo 'caso Vilares'.
A deputada e portavoz de Feminismo do BNG, Noa Presas, o 16 de xuño. (Foto: Arxina)
A deputada e portavoz de Feminismo do BNG, Noa Presas, o 16 de xuño. (Foto: Arxina)

A deputada e portavoz de Feminismo do BNG, Noa Presas, propuxo esta segunda feira a creación dun comité de crise ante a "situación de emerxencia" por violencia machista que se está a vivir na Galiza, cun novo asasinato dunha muller de 49 anos antonte na Coruña que sería, de confirmarse, o terceiro feminicidio no que vai de ano na Galiza

"Non podemos permanecer indiferentes" ante o que está sucedendo, advertiu a deputada que, diante desta "situación absolutamente excepcional" e após os  "trece días de infamia" do 'caso Vilares', emprazou o PP a aclarar "se está do lado das mulleres e contra a violencia machista ou se é cómplice e parte do problema".  

O comité de crise tería, segundo a deputada nacionalista, tres obxectivos principais: avaliar cada un dos casos de violencia machista máis recentes e revisar se algo fallou; avaliar a situación nun momento -a chegada do verán- no que historicamente se rexistran máis agresións e feminicidios; e revisar o protocolo de cooperación e coordinación institucional e aumentar os recursos dispoñíbeis.

Feminicidios no Viogén

Presas lembrou os feminicidios de Josefa Fariñas no Bolo (comarca de Valdeorras), en abril, e de Marisol Costa, en Moraña (comarca de Caldas), en maio, para destacar que en menos de quince días houbo na Galiza dous asasinatos machistas e varios intentos de feminicidio: o 20 de maio unha muller de 35 anos tirábase pola fiestra dun cuarto andar no Barco de Valdeorras fuxindo do seu maltratador; ese mesmo día foi detido un home de 45 anos en Tomiño (O Rosal) por presuntamente tentar matar a súa ex muller e a súa filla incendiando a casa; e o 22 de maio, un home de 36 anos disparaba sete veces á súa parella en Verín.

Por este motivo, a deputada do BNG urxiu as institucións a actuar de maneira inmediata, mesmo sabendo que cando menos en dous dos tres intentos de feminicidio, as mulleres estaban dentro do sistema Vioxén, que "fallou e non as puido protexer".

Pola súa parte, o presidente da Xunta, na rolda de prensa posterior ao consello da Xunta, defendeu a implicación do seu Executivo na loita contra a violencia machista e, aínda sen dar un non rotundo á activación dun comité de crise ante os últimos casos, deu a entender que ve "moito máis importante o traballo diario" que impulsar iniciativas deste tipo.

Comentarios