O BNG reclama á Xunta que convoque de inmediato as axudas periódicas para as vítimas de violencia machista
Noa Presas denuncia que o Goberno do PP incumpre a lexislación vixente ao demorar a convocatoria para este ano destas prestacións económicas.
O BNG anunciou que presentará unha batería de iniciativas no Parlamento galego para instar á Xunta a "desbloquear de inmediato" a convocatoria de resolucións para a apertura de solicitudes de axudas periódicas para vítimas de violencia machista.
Así o avanzou este domingo a deputada Noa Presas tras denunciar o "atraso" na publicación destas axudas para a prevención e o "tratamento integral" da violencia de xénero, unhas subvencións que cualificou de "importantísimo instrumento económico" para apoiar ás vítimas.
"É inadmisíbel que aínda que pasaron polo Consello da Xunta a finais de 2024, aínda non estean publicadas estas axudas, algo que habitualmente se fai o 2-3 de xaneiro", sinalou a coordinadora da área de Acción Feminista do BNG.
Nesta liña, a deputada criticou a "inacción" do Goberno galego, ao que reclamou que "salga da súa desidia e da súa incompetencia" e ao que tamén lembrou que a finais de 2024 a Galiza contaba con 5.801 casos activos no Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero (VioGén).
Con todo, Presas incidiu na "urxencia" de que o Executivo de Rueda "desbloquee inmediatamente" a convocatoria destas prestacións e de que "teña a mesma présa en traballar que a que ten en seguir a axenda de retrocesos en materia de igualdade do PP no Estado".
Cómpre lembrar que estas axudas periódicas están encamiñadas a romper a situación de violencia que sofren as mulleres e teñen en conta a súa situación socioeconómica co obxectivo de posibilitar a súa autonomía e independencia económica respecto do seu agresor ou da persoa que mantivera sobre ela unha relación de dominación.
Por iso, Presas incide na urxencia de que o Goberno do PP desbloquee inmediatamente a convocatoria destas prestacións e "teña a mesma présa en traballar que ten en seguir a axenda de retrocesos en materia de igualdade do Partido Popular no Estado", conclúe.

