mércores 27.05.2020

O BNG negocia co Goberno estatal que permita a plena mobilidade dentro da Galiza

No marco das negociacións sobre o apoio á prórroga do estado de alarma. O deputado Nestor Rego tamén reclama incluír con peso os criterios de dispersión e envellecemento da poboación para o reparto dos 16.000 millóns de euros ás Comunidades Autónomas.

(Europa Press)
(Europa Press)

O BNG xa lle transmitiu ao Goberno español que o seu apoio a unha nova prórroga do estado de alarma dependerá de que teñan ou non en conta as propostas postas sobre a mesa polos nacionalistas galegos. O Bloque sinala que é favorábel a que continúe o estado de alarma, mais a abstención ou o voto positivo dependerá de se as reivindicacións do BNG son aceptadas ou non polo Executivo estatal. 

Nestor Rego, que se abstivo na anterior votación sobre o estado de alarma, volve pór sobre a mesa a necesidade de “reverter un proceso de centralización das decisións que só xerou máis burocracia e inoperancia práctica do operativo contra a pandemia e a adopción de decisións que, en moitos casos, non se axustaban á realidade e ás necesidades do noso País”.

O BNG volveu pedir, ao igual que fixo nas prórrogas do estado de alarma anteriores, que a entidade competente en cada comunidade autónoma sexa a súa respectiva presidenta ou presidente, e que o papel do ministro de Sanidade for de coordinación, mais que a xestión e as competencias se restaurasen nos territorios. O BNG espera que esta cuestión se recolla na proposta do Goberno estatal. 

En canto á mobilidade entre provincias, o Goberno español teríase comprometido co Bloque, segundo fontes desta formación, a permitir levantar as restricións de movemento entre concellos limítrofes que pertenzan a distintas provincias, mais aínda non terían dado o 'si' á petición do BNG de permitir a mobilidade entre todos os territorios galegos que estean na mesma fase. O primeiro modelo é o que se concedeu a Euskadi. O BNG defendeu ademais a través dun comunicado que “é preciso mudar criterios que non teñen en conta a realidade do noso País. Por exemplo para permitir a mobilidade entre as diferentes provincias galegas, dado que todas están na mesma fase e carece de sentido estabelecer fronteiras onde socialmente non existen e que non xogan ningún papel práctico do punto de vista sanitario”. O BNG espera  que o Goberno estatal atenda esta petición, feito que condicionará o sentido de voto do nacionalismo. 

Rego tamén pediu ao Executivo que a prórroga sexa de 15 días en lugar dunha única dun mes, o cal non quitaría que se estendese a alarma con outro decreto de prórroga posterior até finais de xuño. Mais o BNG sinala que detrás da intención de Pedro Sánchez de pedir unha soa prórroga mensual o que hai é un criterio político para non dar contas no Congreso cada dúas semanas. 

Reclama tamén do Goberno español que modifique os criterios anunciados para o reparto e inclúa con peso os criterios de dispersión e envellecemento da poboación para o reparto dos 16.000 millóns de euros ás comunidades autónomas. Os criterios de reparto dese fondo priman á parte do número de poboación, o número de ingresados e de infectados, co que a práctica totalidade do fondo irían para Madrid e Catalunya, sinalan no Bloque. O Goberno estatal estaría a estudar estas reivindicacións do BNG. 

O deputado nacionalista tamén trasladará ao Goberno a necesidade de prever un permiso laboral retribuído para as persoas que precisen atender fillos e fillas menores que non teñen aulas e teñen que ficar na casa ou persoas dependentes da familia.

“Vemos que existe receptividade ás propostas do BNG, o que demostra o que dixemos sempre, que outro tipo de Estado de alarma era posíbel, mais agora é preciso verificar estas medidas”, sinala o deputado nacionalista.

comentarios