O BNG di que a Xunta creou coa Lei de Augas un novo imposto, "o imposto á choiva"
O BNG solicitou esta terza feira unha "moratoria" na aplicación dos gravames que teñen que pagar concellos galegos após a aprobación hai dous anos da nova Lei da Auga. "
38 concellos que verten as augas ás 28 depuradoras que xestiona Augas da Galiza viron incrementadas de maneira excesiva a facturación de Augas como consecuencia da aplicación do canon de xestión de depuradoras e do canon de colectores", sinalou o deputado nacionalista Luís Bará.
"Un incremento de 12 millóns de euros que terán que asumilo os concellos que verten ás citadas EDAR e repercutilo sobre as persoas contribuíntes", denunciou o BNG. Para Bará, "un sablazo fiscal aos concellos nun contexto de crise".
Nos últimos meses os concellos afectados xa recibiron a notificación dos novos gravames con incrementos considerábeis, afirma a proposta defendida polos nacionalistas.
"Chama especialmente a atención que a Xunta aplique o canon de xestión da rede de colectores -que basicamente consiste en gravar a auga da chuvia- sen ter en conta a precariedade das redes municipais e a necesidade de levar a cabo contiosos investimentos para melloralas. Investimentos que non están en condicións de levar a cabo os concellos sen apoio doutras administracións e sen unha planificación temporal mínima". Por iso, Bará acusou o PP de "crear un novo imposto, o imposto á choiva".
Begoña Rodríguez Rumbo (PSdeG) afirmou que a súa formación xa advertira no debate desta lei "das repercusións económicas que ía traer pero á Xunta só lle interesa recadar" Pola súa parte, José Manuel Balseiro (PP) acusou o BNG de "atacar todo o que fai a Xunta" para a seguir atacar o pacto asinado entre o BNG e o PSOE para a investidura de Pedro Sánchez. A proposición de lei votarase esta cuarta feira