O BNG pide unha moratoria na aplicación do Regulamento Europeo de Control da Pesca á frota artesanal

O deputado Néstor Rego reclama "flexibilidade" ao tempo que denuncia unha normativa "pensada para grandes buques que afoga en burocracia a pesca de baixura.
Natividade González, Sol Agra, Silvia Seixa, Néstor Rego e Francisco Jorquera esta segunda feira nas protestas do sector pesqueiro na Coruña. (Foto: Nós Diario)
Natividade González, Sol Agra, Silvia Seixas, Néstor Rego e Francisco Jorquera esta segunda feira nas protestas do sector pesqueiro na Coruña. (Foto: Nós Diario)

O Bloque Nacionalista Galego denunciou, durante as concentracións convocadas polo sector pesqueiro galego, o grave impacto que suporá a aplicación do Regulamento Europeo de Control da Pesca sobre a frota de baixura e artesanal. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama ao Goberno do Estado "flexibilidade, realismo e unha moratoria inmediata mentres non se adaptan as normas á realidade do sector".

Durante as concentracións convocadas polo sector pesqueiro galego en todo o país, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, estivo acompañado polo portavoz municipal no Concello da Coruña, Francisco Jorquera, a concelleira e deputada provincial, Avia Veira, as deputadas provinciais Sol Agra e Natividade González e outros cargos da organización nacionalista.

Rego advertiu de que se trata dun regulamento "hiperregulador, alleo á realidade da pesca artesanal galega e pensado para grandes buques industriais" que introduce unha carga burocrática e tecnolóxica inasumíbel para embarcacións pequenas, con tripulacións reducidas, en que os propios patróns tamén faenan. "Non se pode pretender que quen está a pescar estea ao mesmo tempo cubrindo diarios electrónicos, facendo comunicacións constantes e pesados exactos en condicións imposíbeis", subliñou.

O deputado nacionalista lembra que o Regulamento foi aprobado en outubro de 2023 coa complicidade de PP e PSOE, sen atender as reiteradas advertencias do sector e do propio BNG, nin ás iniciativas aprobadas no Parlamento Galego. "Ignórase deliberadamente a singularidade da frota artesanal, unha pesca sustentábel, respectuosa co medio e chave para a economía, o emprego e a fixación de poboación nas vilas costeiras", afirmou.

Entre as medidas máis contestadas polo sector, Rego destaca a obrigatoriedade dos diarios electrónicos, que desde 10 de xaneiro afectan xa aos buques de máis de 12 metros e que se estenderán progresivamente, a partir de 2030, ás embarcacións de menos de 9 metros, maioritarias na baixura galega. "A exixencia de facer até oito comunicacións por xornada e declarar todas as capturas, independentemente do seu volume, é simplemente inasumíbel", sinalou.

Tamén cualificou de "absolutamente irrealista” a obriga de comunicar a chegada a porto cunha antelación mínima de dúas horas e media, cando a maioría da frota artesanal faena a pouca distancia da costa, con mareas curtas e condicionadas pola meteoroloxía. "Son horarios ríxidos que non teñen nada que ver coa actividade real da pesca de baixura", censurou.

Amarre dun pesqueiro no porto de Burela (A Mariña) durante la protesta da frota de baixura. ( Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Amarre dun pesqueiro no porto de Burela (A Mariña) durante la protesta da frota de baixura. ( Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Así mesmo, o deputado do BNG amosou a súa preocupación polo novo réxime de infraccións e sancións, que considera "excesivo" e que pode supor "a perda de axudas europeas por incumprimentos formais, así como pola introdución de sistemas de control da potencia dos motores ou a posíbel extensión do uso de cámaras a bordo".

Defensa do sector pesqueiro galego

Néstor Rego avanzou que o BNG xa rexistrou iniciativas nas Cortes do Estado para instar o Goberno a estabelecer unha moratoria na aplicación do regulamento á frota artesanal, mentres se traballa conxuntamente co sector na procura de solucións adaptadas á súa realidade.

Entre outras propostas, o BNG reclama reducir a carga burocrática do diario electrónico, recuperar sistemas simplificados de pesado para capturas de pequeno volume e eliminar ou flexibilizar a comunicación previa de chegada a porto.

Finalmente, o deputado nacionalista defendeu a necesidade de que, na vindeira revisión da Política Pesqueira Común, se estabeleza unha diferenciación clara entre pesca artesanal e pesca industrial, non só en función da eslora dos buques, senón tamén atendendo a criterios como a distancia ao caladoiro, a duración das mareas, as artes empregadas ou o número de tripulantes.

"O Bloque Nacionalista Galego está co sector nas rúas e nas institucións", concluíu Rego. “Bruxelas e Madrid teñen que escoitar as confrarías e entender que non se pode afogar en burocracia unha frota que xa cumpre numerosas normas de control e que é esencial para o futuro do noso litoral".

Comentarios