O BNG de Lugo reitera a súa petición dun xulgado específico de violencia de xénero

Concentración do BNG de lugo para solicitar un xulgado de violencia machista (Foto: Nós Diario).
Elvira Lombao, responsábel da comisión de acción feminista do BNG declarou que “son pasos que avanzan para que en Lugo contemos cun servizo especializado, levamos demasiado tempo esperando esta sala para loitar contra a lacra machista na sociedade”.

Bloque Nacionalista Galego de Lugo valora de “forma favorábel” os acordos do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero, o cal está presidido polo Consello Xeral do Poder Xudicial, de estabelecer máis especialización do persoal e estender a competencia territorial dos xulgados de violencia contra a muller.

Son pasos que avalan que, segundo indican, a petición do BNG,  que leva “defendendo durante anos” a creación dun xulgado especifico de violencia de xénero en Lugo, no cal se estabeleza un sistema “comarcalizado” e con persoal experto na materia.

Facilitar o traballo xudicial

“Estas condicións facilitarían o traballo xudicial para frear a violencia machista, polo que se avanzaría na formación de xuíces, fiscais e corpos de seguridade, como tamén, do persoal de traballo social, da avogacía, entre outras partes do eido xudicial”, sinalan desde a formación nacionalista.

Elvira Lombao, responsábel da comisión de acción feminista do BNG declarou que “son pasos que avanzan para que en Lugo contemos cun servizo especializado, levamos demasiado tempo esperando esta sala para loitar contra a lacra machista na sociedade”.

"Deberían pórse a traballar"

Neste sentido, Lombao destacou que “as vítimas teñen que contar co persoal adecuado e con oficinas de atención, por isto tanto o Goberno do Estado como a Xunta deberían pórse a traballar para coordinarse e aplicar medidas canto antes para avanzar coa creación deste xulgado específico en Lugo”.