Ana Pontón anima a poboación a manifestarse pola sanidade pública

A líder nacionalista mantivo unha xuntanza coa plataforma SOS Sanidade Pública. Na comparecencia posterior exixiu máis partidas sanitarias.
Manuel Martín e Ana Pontón na rolda de prensa de onte (Foto: Europa Press).
photo_camera Manuel Martín e Ana Pontón na rolda de prensa de onte (Foto: Europa Press).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, tras reunirse onte cunha representación da plataforma SOS Sanidade Pública, amosou o total apoio da formación nacionalista á manifestación en defensa duns servizos sanitarios públicos convocada para o 12 de febreiro en Compostela.

“A mobilización social segue a ser unha poderosa arma de defensa dunha sanidade pública de calidade, fronte a un Goberno do PP que se ten convertido nun perigo para a saúde dos galegos e das galegas”, declarou após a xuntanza encabezada polo portavoz a plataforma, Manuel Martín

A líder do BNG lembrou que o Goberno galego “destina a Atención Primaria só 14% do total do gasto sanitario, moi lonxe do 25% que recomenda a Organización Mundial da Saúde (OMS)”. Pontón tamén puxo sobre a mesa outros datos para demostrar as consecuencias dos recortes e da privatización.

Por exemplo, corrixido o efecto da inflación, o investimento en Atención Primaria previsto nos orzamentos de 2023 é 300.000 euros inferior con respecto aos orzamentos de 2009. Igualmente, lembrou que segundo o último informe da Federación de Asociacións en Defensa da Sanidade Pública, a Galiza ten o terceiro gasto en atención primaria máis baixo de todo o Estado español (188 euros). 

Proposta do BNG

Fronte a iso, a estratexia do BNG pasa por situar "máis investimento enriba da mesa para reverter a situación de recortes e privatizacións da sanidade pública, porque está en xogo a vida da xente”, subliñou.

Pontón avanzou as alternativas propostas neste momento polo BNG, que comezan por blindar por lei o financiamento da Atención Primaria até acadar as cifras recomendadas pola OMS.

Igualmente propón máis recursos, cun plan de choque de 200 millóns de euros, a transferencia e planificación da formación de Médicos Internos Residentes (MIR) ou ampliación da carteira de servizos con novas especialidades como a de psicoloxía clínica.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios