O BNG urxe a retirada da cruz do Castro, en Vigo: "É un vestixio franquista que o Goberno debe sinalar e retirar"

O BNG volveu situar a Cruz franquista do Castro no centro do debate público. A formación nacionalista reclamou a súa retirada inmediata, ao abeiro do novo catálogo estatal de vestixios da ditadura que prepara o Goberno español en aplicación da Lei de Memoria Democrática.
Acción do BNG ante a cruz franquista do Castro, este 1 de decembro en Vigo. (Foto: Nós Diario)
Acción do BNG ante a cruz franquista do Castro, este 1 de decembro en Vigo. (Foto: Nós Diario)

O BNG escenificou esta segunda feira en Vigo unha nova chamada á responsabilidade institucional para eliminar da cidade a cruz franquista do monte do Castro, un dos símbolos de exaltación da ditadura máis visíbeis que permanecen na Galiza. Nun acto público diante do monumento, o portavoz nacionalista no Congreso, Néstor Rego; o voceiro municipal, Xabier P. Igrexas, e os deputados no Parlamento Carmela González e Brais Ruanova, instaron o Goberno español a incluír a cruz no novo catálogo estatal de vestixios franquistas que debe retirarse en cumprimento da Lei de Memoria Democrática.

Rego lembrou que o Executivo español aprobou en novembro un Real Decreto que obriga á elaboración dese catálogo oficial, no que se identifican máis de 4.000 elementos de exaltación do franquismo en todo o Estado. A inclusión da cruz do Castro "é imprescindíbel e inapelábel", afirmou, subliñando que se trata dun monumento erguido pola ditadura "para exaltar o golpe de Estado e a represión franquista. Non cabe discusión: é un vestixio franquista que o Goberno debe sinalar e retirar". O deputado esixiu ao Goberno actuar "sen máis dilacións" e avanzou o rexistro de iniciativas nas Cortes para garantir que a simboloxía da ditadura desapareza de espazos públicos.

Pola súa banda, Igrexas destacou que o propio pleno de Vigo recoñeceu de maneira unánime en 2006 a proposta do BNG, o carácter franquista da cruz —malia o intento de resignificación feito en 1981—, e que existe ademais unha sentenza do ano 2014 que ordena a súa retirada. "Constitúe a día de hoxe o maior símbolo da ditadura na cidade, e o seu mantemento ofende a todas as persoas demócratas", asegurou. Igrexas lembrou que o monumento foi inaugurado polo propio Franco en 1961 na antiga praza da División Azul, en homenaxe aos "Caídos por Dios y por España", e que se ergue "a moi poucos metros dos muros nos que entre 1936 e 1942 foron asasinadas polo franquismo 136 persoas".

O voceiro criticou tamén que o Goberno local de Abel Caballero decidira recorrer "de forma infame" a sentenza de 2014, malia que o PSOE votara a favor da moción de 2006 que identificaba a cruz como símbolo de exaltación da ditadura. O BNG reivindicou ademais que foi a formación que impulsou desde o Goberno municipal a retirada doutra simboloxía fascista en Vigo, como o frontispicio da Casa das Artes.

A fronte nacionalista salientou que a demanda de desmontaxe da cruz do Castro é compartida polos colectivos de memoria histórica da cidade e que forma parte dun compromiso democrático básico.

Comentarios