BNG, ERC e Amaiur apostan en "camiñar xuntos" na ruptura co Estado español

As tres formacións presentaron en Compostela a iniciativa a prol da autodeterminación dos pobos. Malia "os agravios do españolismo", aseguran que pularán polo "dereito inalienábel" das nacións a se autodeterminaren "pola vía democrática" mais tamén, se for preciso din, "de maneira unilateral"

Jon Iñarritu, Xavier Vence e Alfred Bosch
photo_camera Jon Iñarritu, Xavier Vence e Alfred Bosch

Jon Iñarritu (Amaiur), Alfred Bosh (ERC), Rosana Pérez e Xavier Vence (BNG) compareceron esta cuarta feira para presentaren a Iniciativa pola autodeterminación dos pobos. Após o veto imposto pola mesa parlamentar, as tres formacións levarán o debate ao Congreso d@s deputad@s a través dunha proposición non de lei. 

"O goberno español non está disposto a dialogar sobre esta cuestión", afirmou a deputada do Bloque nas Cortes españolas, Rosana Pérez. Porén, asegurou que, malia "os avatares", levarán "o dereito á autodeterminación" ao Pleno do Parlamento para demandar "que as nosas nacións" poidan ter "máis cedo que tarde" o dereito a decidiren sobre o seu futuro. 

Jon Iñarritu: "O pobo vasco non renunciará a se liberar. Se non é a través do recoñecemento do Estado español, será de maneira unilateral"

Neste senso, a iniciativa presentada de maneira conxunta advoga por que o Estado español traspoña ao seu ordenamento xurídico interno o principio de autodeterminación dos pobos recollido por diversos instrumentos xurídicos internacionais ratificados polos sucesivos gobernos españois, nun exercicio, din, "de democracia". 

BNG, ERC e Amaiur defenden "o principio democrático" como garante para que os pobos sexan "o que queiran ser"

"É un dereito inalienábel", afirmou de maneira taxativa o deputado de ERC, Alfred Bosch, que ten, polo tanto, "que ser debatido nas Cortes españolas". Aliás, matizou o deputado de Amaiur, Jon Iñarritu, constitúe tamén "un mandato" para o soberanismo pular polo recoñecemento do dereito de Galiza, Euskal Herria e Catalunya a se autodeterminaren. Soberanistas, galeg@s, catalás e vasc@s concordan en denunciaren a "cerrazón españolista" --en expresión do portavoz nacional do BNG-- e os vetos impostos para impedir que esta cuestión se debata "con normalidade" como aconteceu noutros territorios de Europa. 

Xavier Vence: "Fronte aos que teñen a tentación de abandonar a bandeira propia e engancharse á ensoñación tricolor, nós propomos avanzar coas nosas propias forzas en solidariedade co soberanismo catalán e vasco"

No entanto, salientaron que face "o agravio do españolismo" a súa proposta quere "contribuír a mellorar as condicións democráticas do propio pobo español", afirmou Bosch, "porque tamén o merecen", sendo que a loita polo dereito das nacións a se autodeteminaren non vai "contra ninguén", mais si "en favor de todos". Tamén así, acrecentou Iñarritu, desde Amaiur traballan para "resolver o problema territorial", que non é "a crise da monarquía borbónica", senón do marco xurídico-institucional creado após a Transición española, apuntou Xavier Vence. 

Após ser vetada até en dúas ocasións a tramitación en Cortes como proposición de lei da iniciativa presentada esta cuarta feira, para o portavoz nacional do Bloque a liberación nacional das nacións vasca, catalá e galega virá da man dunha "ruptura unilateral" que rache cun "modelo de estado inservíbel". Pois, afirmou Xavier Vence, "o goberno español non é só unha rémora", senón que é tamén, "unha ameaza". 

Para pularen por ese proceso de "ruptura democrática" propuxo o líder nacionalista "avanzar coas nosas propias forzas" fronte "aqueles que defenden a tricolor" --en clara alusión á bandeira republicana españolas e ás teses federalistas que agroman na Galiza-- "en solidariedade", acrecentou" "co soberanismo catalán e vasco". 

Alfred Bosch: "Queremos camiñar todos xuntos na procura da liberdade e a xustiza social"

Eleccións europeas 
Inquirid@s pola imprensa, @s representantes das tres formacións eludiron responder se concorrerán en coligación ás vindeiras eleccións europeas, pois "é unha cuestión que fai parte doutra axenda", afirmou o portavoz do Bloque. Porén, Jon Iñarritu e Alfred Bosch salientaron a aposta das súas organizacións na "unión" tanto dentro como fóra dos seus territorios, polo que verían "ben" unha eventual candidatura conxunta nos comicios ao Parlamento europeo.

Comentarios