BNG denunciará en Bruxelas a situación das residencias

Unha das primeiras reunións que se celebrarán será coa vicepresidenta da Comisión de Peticións, Tatjana Zdanoka,
Unha anciá nunha residencia (Imaxe: Europa Press)
photo_camera Unha anciá nunha residencia (Imaxe: Europa Press)

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, vén de anunciar a presentación dunha denuncia na Comisión de Peticións da Eurocámara sobre a situación das residencias de maiores, “terribelmente afectadas durante estes meses de pandemia do coronavirus”. 

Desta forma, no momento en que a evolución da crise sanitaria o permita, sinala o Bloque, organizará encontros nas institucións europeas para que poidan participar os representantes deste colectivo, entre os que destaca a vicepresidenta da Comisión de Peticións Tatjana Zdanoka.

“Desde o inicio da pandemia, as residencias de persoas maiores convertéronse nun dos principais focos de extensión de coronavirus, con persoal sobrepasado e sen recursos para desenvolver a atención médica necesaria nos centros”, indican nun comunicado.

A Galiza ten 24.819 prazas en residencias, atendendo ao número delas en centros de maiores e en pisos e apartamento tutelados

“Así, máis de 20.000 falecidos polo Covid-19 no Estado español corresponden a persoas que residían en residencias para maiores, o que supón preto do 62% das mortes notificadas oficialmente polo Ministerio de Sanidad. E en Galiza, son xa 355 persoas as falecidas nas residencias (155 en centros de maiores e 200 en hospitais e residencias integradas) do total de 812 persoas mortas”.

A portavoz do BNG en Europa avanza que unha das primeiras reunións que se celebrarán será coa vicepresidenta da Comisión de Peticións, Tatjana Zdanoka, co obxectivo de analizar polo miúdo as infraccións da normativa comunitaria.

Precisamente, en decembro do ano pasado, Zdanoka recibiu á delegación das Enfermeiras Eventuais en Loita, quen presentaron unha denuncia contra o Sergas “pola sucesión de contratos eventuais que fai a administración pública galega en fraude de lei contra a normativa europea”.

A Galiza ten 24.819 prazas en residencias, atendendo ao número delas en centros de maiores e en pisos e apartamento tutelados. Delas, 10.402 teñen financiamento da Xunta: 3.959 son en centros que son propiedade da Administración galega e que ela mesma xestiona; 1.570 son en centros de titularidade da Xunta mais nos que a xestión é levada por unha empresa en réxime de concesión; e 4.873 son prazas pagadas pola Xunta en residencias que son propiedade de empresas privadas con e sen ánimo de lucro, segundo os datos públicos no rexistro de residencias do portal da Xunta

Comentarios