O BNG denuncia a privatización dos centros publicos para vítimas da violencia machista

A formación nacionalista critica que a Xunta da Galiza destine 7,5 millóns de euros a licitar o servizo. A deputada e portavoz de Política Social e Igualdade, Olalla Rodil, critica o prego de licitación que considera que sete persoas terán que atender cada centro as 24 horas do día.
A deputada Olalla Rodil na rolda de prensa (Foto: Nós Diario).
photo_camera A deputada Olalla Rodil na rolda de prensa. (Foto: Nós Diario).

A portavoz de Política Social e Igualdade, Olalla Rodil, denunciou esta segunda feira en rolda de prensa a situación dos centros de crise 24 horas para vítimas de violencia machista, un proceso ao que se van destinar 7,5 millóns de euros para empresas multiservizos. “No BNG temos claro que os dereitos e a atención das mulleres en situación de violencia machista non poden quedar en mans destas empresas”, asegurou.

A nacionalista preguntou “canto persoal público se podería contratar no Sergas para garantir unha atención pública da máxima calidade con ese diñeiro”. Por este motivo cualificou de “curioso” que a empresa Eulen "leve semanas buscando persoal para xestionalos e antes de que se feche o proceso de licitación”. 

Neste sentido, a viceportavoz primeira do BNG denunciou, ademais, o “afán privatizador” do PP lembrando que este é xa o segundo intento que fai a Xunta da Galiza no caso dos centros de crise 24 horas. Segundo explicou Rodil, o Executivo do PP xa sacara en 2023 a licitación da xestión destes centros, aínda que o proceso quedou paralizado. 

“É a través da sanidade pública galega como debe garantirse este recurso de atención integral para as vítimas de violencia machista”, afirmou, lembrando que estes centros estarán situados nos hospitais públicos de cinco cidades galegas, en concreto, no Hospital Nóvoa Santos de Ferrol, no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, no HULA de Lugo, no Centro de especialidades en Ourense e no Hospital Gil Casares en Compostela.

O BNG lembra que son centros financiados con fondos procedentes do Pacto de Estado contra a violencia machista e que se conciben como servizos de atención integral para as vítimas de violencia sexual. 

Condicións laborais

A formación nacionalista criticou que, ademais da "privatización", o PP “pretenda precarizar as condicións laborais das persoas traballadoras e a atención das persoas usuarias” porque, e segundo o prego de licitación -que remata o 22 de xullo-, cada centro estará atendido as 24 horas do día os sete días da semana e durante todo o ano con sete persoas. 

En relación aos contratos, segundo indican os pregos e denuncia a formación nacionalista, os do persoal auxiliar administrativo estarían a media xornada, o que para Olalla Rodil é unha mostra máis da “precarización da atención ás vítimas de violencia machista” que, ademais, “o PP pretende ofrecer en parte de maneira telemática, non sabemos se a través dunha pantalla ou por teléfono”.

Comentarios