domingo 24/10/21

O BNG defende a tarifa eléctrica galega e pide acabar co "espolio enerxético" en Belesar

A formación nacionalista pedirá unha comisión de investigación para aclarar o "baleirado kamikaze" dos encoros galegos.
Acción simbólica do BNG no encoro de Belesar.
Acción simbólica do BNG no encoro de Belesar.

O BNG desenvolveu este domingo unha acción simbólica no encoro de Belesar, en Portomarín, para defender a aplicación dunha tarifa eléctrica galega e pedir o fin do "espolio enerxético que sofre Galiza".

Na acción participaron diferentes cargos políticos e militantes da organización das comarcas de Lugo e Lugo sur; entre eles a deputada e viceportavoz do BNG no Parlamento galego, Olalla Rodil.

Mudar o marco eléctrico

Rodil anunciou que o BNG solicitará a creación dunha comisión de investigación na Cámara autonómica sobre o "baleirado kamikaze" dos encoros galegos. "Á actividade das eléctricas sobre as nosas presas hai que porlle luz e taquígrafos para depurar responsabilidades, tanto empresariais como políticas", asegurou a deputada nacionalista.

A viceportavoz do BNG sinalou ademais que os nacionalistas sacarán adiante unha proposta para "cambiar o marco eléctrico do Estado e fixar unha tarifa eléctrica galega", posto que Galicia, "como gran produtora de enerxía, ten dereito a decidir sobre o funcionamento dos seus recursos naturais e integralos a favor dos intereses dos galegos".

Ao fío disto, Rodil remarcou os diferentes impactos que a produción eléctrica deixa na Comunidade, como "danos ambientais e custos sociais, económicos e ecolóxicos". "O mínimo é que se poida compensar aos galegos e pór eses recursos en favor do desenvolvemento do noso país", incidiu a deputada nacionalista.

comentarios