O BNG critica a xestión informativa dos trens Avril, pide unha mellor planificación dos servizos e prezos económicos

“Como van afectar as obras da estación de Chamartín Clara Campoamor aos trens con destino e orixe Galiza? Vanse cancelar servizos?”, inquiren Rego e Da Silva en preguntas dirixidas ao Ministerio de Transportes.

Tren Avril de Talgo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Tren Avril de Talgo. (Foto: Europa Press)

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a senadora do BNG, Carme Da Silva, rexistraron varias preguntas parlamentares nas Cortes para demandar ao Ministerio de Transportes información “clara, transparente e veraz” sobre a chegada dos trens Avril, a súa planificación de servizos e a política de prezos.

Ademais, queren saber como van afectar as obras que se están a levar a cabo na estación madrileña de Chamartín Clara Campoamor aos trens con destino e orixe na Galiza. “Vanse cancelar servizos? Van supor unha remodelación das frecuencias e horarios?”, inquiren ao Ministerio.

No que atinxe aos  trens Avril, reprochan ao Ministerio a xestión informativa levada a cabo desde xaneiro co anuncio de que o 1 de marzo se poñerían á venda os billetes para os trens da serie 106. “Un anuncio que abriu expectativas sociais e mantivo a moitos galegos e galegas pendentes desa data para mercar billetes para Semana Santa ou para o mes de abril”.

Finalmente e na véspera da data anunciada, o Ministerio informou “tarde, mal e arrastro”, que non se abriría a venda dos Avril debido a un novo retraso na entrega dos trens por parte de Talgo. “Informouse o 29 de febreiro, incumprindo Renfe o deber de ofrecer información con suficiente antelación”.

Campaña

A campaña lanzada por Renfe de ofertas de billetes a 25 euros entre Madrid e Galiza e o mesmo para Asturias como “compensación pola mala xestión dos Avril, non estivo exenta de problemas”. Lembran “as colas dixitais para a compra en liña que chegaron a unha hora de espera” e critican o escaso volume de prazas ofertadas. “2.000 billetes por semana cando houbo colas de espera de 10.000 persoas”. Tamén denuncian ao Ministerio a “distribución pouco equitativa cando os trens a/desde Galiza contan con máis prazas semanais que Asturias, 42.000 fronte a 18.000”.

Rego e Da Silva demandan ao Ministerio unha xestión informativa adecuada, “informando con tempo aos usuarios e usuarias deste tipo de situacións para evitarlles problemas de última hora”. Piden ao Ministerio que aumente o número de prazas nos trens galegos da oferta de billetes a 25 euros e que este tipo de oferta non fiquen nun momento puntual, que sexan recorrentes e cunha maior periodicidade.

Con todo, sinalan que “as ofertas temporais son benvidas mais o que interesa é poder contar cunhas tarifas accesíbeis para as maiorías sociais e con prezos estábeis. Non é de recibo continuar mantendo as actuais tarifas dos trens Alvia que están polas nubes, superando os 100 euros por traxecto. Debe reformularse esta política tarifaria e ofrecer prezos accesíbeis”.

Comentarios