BNG considera “inaceptábel” que o PP de Viana do Bolo acuse o portavoz e ex alcalde nacionalista de “enaltecer o terrorismo”

Os nacionalistas critican as "acusacións gravísimas e infundadas” contra a persoa de Secundino Fernández.

O nacionalista Secundino Fernández gañou a Alcaldía de Viana en 2015 e repetiu en 2019.
photo_camera O nacionalista Secundino Fernández gañou a Alcaldía de Viana en 2015 e repetiu en 2019, sendo apartado do cargo por unha moción de censura.

O PP de Viana do Bolo, a través da súa conta oficial en Facebook, cargou contra o ex alcalde nacionalista deste concello da comarca de Viana e actual portavoz, Secundino Fernández, ao que acusou de “apoiar a violencia” e “enaltecer o terrorismo”.

Dende o BNG da localidade lamentan “profundamente” que a conta oficial dos populares de Viana “se empregue para calumniar e difamar un representante, tamén, da veciñanza de Viana que igualmente foi elixido de forma democrática co 33,52 % de votos e que merece, tal e como o PP de Viana esgrime para si, todo o respecto”.

Os nacionalistas consideran “intolerábel” que o PP “se apropie do sufrimento de moitas persoas, a través da utilización do terrorismo, para asimilar como propia unha realidade allea ao pobo de Viana e que non ten ningún tipo de cabida na nosa política municipal máis aló de calumniar á persoa de Secundino Fernández con acusacións inaceptábeis e infundadas que están fóra de toda réplica política e que seguirán o curso xudicial que corresponde”.

 “Agardamos que o PP, logo de reflexionar sobre as súas palabras, se desculpe publicamente”, piden nun comunicado, onde tamén informan de que a Executiva Nacional do BNG remitíu unha carta de apoio “os compañeiros e compañeiras do BNG de Viana do Bolo e denunciando o silencio da dirección do PP ante estes feitos”.

Na súa conta de FB, o PP de Viana escribiu: “Por iso vostede nunca gañou as eleccións, porque Viana do Bolo non o quere. Non queremos tratos con personaxes que apoian a violencia e o enaltecemento ao terrorismo, que tanto dano fixo na nosa sociedade. Case mil persoas asasinadas por defender outros ideais. Mortes absurdas de xente inocente, entre eles cargos políticos coma nós, que defendían os intereses dos seus pobos”

Comentarios