O BNG chama a convocar a Mesa de ENCE para buscar alternativas fóra da Ría de Pontevedra

O deputado nacionalista Néstor Rego pide a colaboración a todas as Administracións públicas implicadas para manter a actividade e pechar o ciclo produtivo na Galiza, garantindo a continuidade dos postos de traballo nunha localización alternativa fóra do dominio público marítimo. 
Néstor Rego. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Néstor Rego. (Foto: Nós Diario).

O BNG urxe ao Goberno do Estado a convocar a Mesa de Traballo para buscar fórmulas que dean continuidade aos postos de traballo de ENCE, en coordinación coas distintas Administracións públicas implicadas após a primeira xuntanza o pasado 21 de abril. A súa proposta pasa por aprobar un calendario de actuacións para que, Xunta e Goberno do Estado dean solucións e a actividade industrial continúe.

Tras anular a Audiencia Nacional a prórroga da concesión de Costas da que ENCE gozaba desde o 2016, a localización actual da pasteira en dominio público marítimo terrestre non se xustifica, xa que non precisa de acceso á lámina de auga.

"A sentenza vén dar a razón aos distintos colectivos, organizacións e institucións que defenderon nos últimos anos a saída da fábrica da Ría", salienta o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego.

Actividade industrial e postos de traballo

Porén, o traslado da fábrica abre unha serie de incógnitas e incertezas sobre a continuidade da actividade e dos postos de traballo. Así, engade, "é preciso que o Goberno do Estado convoque a Mesa de traballo sobre ENCE e que se aprobe un calendario para que, conxuntamente, entre todas as Administracións implicadas cheguen a unha solución que dea continuidade aos postos de traballo e á actividade industrial", afirma Rego.

A Mesa, constituída o pasado 21 de abril a iniciativa da CIG, non tivo outra xuntanza posteriormente polo que tras a resolución da Audiencia Nacional, o pasado 15 de xullo, urxe abordar o traslado inmediato de ENCE e a instalación da planta nunha localización adecuada para "garantir a continuidade real dos postos de traballo e sentar as bases dunha industria da madeira que complete os procesos produtivos na Galiza", declara o deputado nacionalista.

Traslado xusto

Rego reclama unha saída urxente que non derive nun "resultado inxusto" para a clase traballadora e para o conxunto da Galiza. Neste sentido, chama a tención sobre os "beneficios millonarios" de ENCE que, malia todo, "non adoptou as medidas necesaria para pór en marcha o traslado das instalacións actuais e non fixo os investimentos que permitirían pechar todo o ciclo produtivo do papel", chave para xerar "o triplo do emprego actual e minimizar o dano ambiental e social" lembra o deputado nacionalista.

Comentarios