O BNG censura a "mala xestión" do PP na Xunta, que deixou sen gastar 750 millóns de euros
A portavoz de Facenda do BNG, Noa Presas, denuncia a "mala xestión" dos recursos públicos do Goberno de Rueda, que o ano pasado deixou sen executar até 750 millóns de euros, segundo os datos da propia Xunta. "O PP deixou de gastar millóns e millóns de euros pero agora escatima, por exemplo, nas axudas para facer fronte á crise de prezos agravada pola guerra e dille non ao plan proposto polo BNG para mobilizar 700 millóns", critica.
Para a deputada nacionalista, a mala planificación orzamentaria afecta consellerías "tan sensíbeis" como Política Social, da que dependen servizos esenciais como a atención á dependencia ou a axuda no fogar (SAF). "Mentres miles de persoas agardan por unha praza de residencia ou moitos concellos viven afogados porque a Xunta se nega a aumentar o financiamento do SAF", Política Social deixou sen executar 112 millóns de euros dos Orzamentos de 2025.
De igual xeito, en plena crise habitacional, o Executivo de Rueda deixou no caixón 30 millóns de euros, practicamente a metade dos previstos no programa de acceso á vivenda, salienta Presas, que tamén critica que no peor ano de incendios das últimas décadas a Consellaría de Medio Rural, con competencias de loita contra o lume, non gastase 82 millóns de euros do seu orzamento. Unha cifra, esta última, que a deputada considera especialmente "escandalosa", pois "previamente, con modificacións orzamentarias, Medio Rural xa recortara ese ano 63 millóns".
Atendendo aos datos oficiais, Presas chama a atención sobre os sete millóns de euros que non se se chegaron a materializar nas políticas de violencia de xénero, cun orzamento que xa fora recortado en 45.000 euros con respecto a 2024.
Transparencia
O BNG vén de presentar no Parlamento unha batería de iniciativas para pedirlle ao Goberno de Rueda "explicacións, transparencia e medidas" para unha mellor xestión orzamentaria pois, tal e como apunta Presas, os datos da Xunta correspondentes ao exercicio de 2025 constatan "eivas similares" ás que en anos precedentes ten observado o Consello de Contas.
Entre as seccións con menor nivel de execución están, como en exercicios anteriores, as consellarías de Comercio, Emprego e Emigración, Medio Ambiente e Cambio Climático, Mar, Vivenda e Infraestruturas, Economía e Industria e Medio Rural.
O departamento de Comercio, Emprego e Emigración deixou sen gastar, por exemplo, 222 millóns de euros, con programas como os relacionados coa formación profesional de persoas ocupadas e desempregadas que non superan o nivel de execución de 50%. Tampouco acadan esta porcentaxe programas de solidariedade ou de infraestruturas pesqueiras, malia a situación crítica que vive o sector do mar.
Segundo se destaca nas iniciativas do BNG, entre os programas que se moven entre 50 e 75% de execución orzamentaria inclúense, tamén como en exercicios pasados, algúns relacionados cos ámbitos agrario, vivenda, dependencia, pesca, violencia machista, ordenación forestal ou economía social.
Trampa á cidadanía
"Alén destas cuestións, é mesmo distópico que en varios programas a Xunta realice modificacións orzamentarias á alza para despois non executalas ou, tamén, que aproveite as modificacións no presuposto para recortar programas que promoveu politicamente no debate público e orzamentario, constituíndo unha especie de trampa á cidadanía", sinala a portavoz de Facenda do BNG.
O Bloque reclámalle á Xunta unha actualización normativa con respecto á planificación orzamentaria que inclúa, entre outras cuestións, un calendario de aplicacións das recomendacións do Consello de Contas, a obriga de render contas no Parlamento cada vez que unha partida de gasto non alcance 75% de execución, ampliar a información referente ás modificacións orzamentarias –singularmente cando supoñan un cambio no tipo de gasto– ou unha maior transparencia no uso do fondo de continxencia.

