As irregularidades da Xunta que describe o Consello de Contas

O conselleiro maior do Consello de Contas, Juan Carlos Aladro, compareceu esta sexta feira no Parlamento da Galiza para presentar diversos relatorios elaborados no ano 2023 que aínda non foran debatidos polos deputados. As forzas da oposición acusaron os populares do atraso na súa discusión.

20250530_parlamento_consello_contas-1
O conselleiro maior do Consello de Contas, Juan Carlos Aladro, durante a súa comparecencia onte na Cámara galega. (Foto: Arxina)

A Comisión Permanente non Lexislativa para as Relacións co Consello de Contas do Parlamento da Galiza reuniuse esta sexta feira após oito meses sen actividade. Precisamente, a negativa do Partido Popular a convocala durante un período tan longo foi obxecto de críticas de nacionalistas e socialistas, que viron nesta decisión unha manobra dos populares para tentar agochar as críticas do órgano fiscalizador ao Goberno galego. A este respecto, a deputada do BNG Noa Presas afirmou que “como non lle gusta o que di o Consello de Contas, o que fai o PP é bloquear que se poida debater e facer propostas”.

A comparecencia do conselleiro maior do Consello de Contas, Juan Carlos Aladro, desenvolveuse nun contexto marcado polas críticas dos populares á institución polos seus informes. Así, por exemplo, o órgano fiscalizador denunciou o pasado mes abril a falta de transparencia da sociedade Impulsa, a través da cal o Goberno galego promove proxectos como o de Altri. Ao tempo, a comezos de abril advertiu de que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) deixou sen executar entre os anos 2021 e 2023 perto de cinco millóns de euros destinados a mellorar a asistencia en saúde mental.

Aladro criticou durante a súa intervención na Cámara o modelo escollido polo Goberno galego para a construción e a xestión do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, que xerou un quebranto ás arcas públicas de máis de 470 millóns de euros. Neste punto, o relatorio elaborado por Contas indica que "a alternativa da licitación da obra por unha banda e a licitación de contratos de servizos por outra é máis eficiente que o contrato de concesión realizado, xa que se poderían acadar resultados similares a un menor custo" e conclúe que incrementou o seu custo final nun 28%.

O máximo responsábel do órgano fiscalizador lembrou as denuncias de Contas á política de contratación desenvolvida pola Xunta. Nesta dirección, recoñeceu que en 2023 un 20% dos contratos realizáronse sen concorrencia entre licitadores e que 52% das subvencións foron concedidas de forma directa. No mesmo período, a contratación menor, a fórmula máis opaca, alcanzou un importe de 81,2 millóns de euros, o que representa 11% do total desa actividade contractual. O órgano fiscalizador referiuse ao fraccionamento, un modo de favorecer a adxudicación directa.

Contratación

A política de contratación seguida polo Goberno galego durante a pandemia estivo presente na intervención do conselleiro maior de Contas. Precisamente en referencia a estes contratos, o órgano fiscalizador denunciou "falta de publicidade" e desvelou  que catro empresas resultaron adxudicatarias de 47 contratos por unha contía de 20,6 millóns de euros en 2021, que representou 66,6% do diñeiro destinado pola Xunta nesa anualidade á compra de material sanitario e á prestación de servizos para facer fronte á Covid. Concretamente, dunha delas era directivo Ignacio Cárdenas Botas, irmán da parella de Alberto Núñez Feixoo.

O incumprimento das recomendacións de Contas por parte do Servizo Galego de Saúde (Sergas) foi outra das cuestións nas que puxo o foco Aladro. Subliñou a tramitación dos gastos da actividade concertada, que segundo Contas non atende "a vía estabelecida" na Lei de contratos do sector público. A este respecto, o órgano fiscalizador advertiu que se "segue utilizando a autorización de uso temporal" para contratar de maneira directa estes servizos "sen concorrencia, publicidade e igualdade de trato". Precisamente, estes relatorios desvelaron un aumento no desvío de fondos cara á sanidade privada.

Críticas da oposición

As forzas da oposición aproveitaron a comparecencia de Aladro para denunciar as tentativas do Partido Popular de "amordazar" o Consello de Contas. A deputada nacionalista Noa Presas sinalou que "o Partido Popular está empeñado en obstaculizar o labor do Parlamento e dos órganos de fiscalización", en referencia ás críticas dos populares á institución e da súa oposición á convocatoria da Comisión Permanente non Lexislativa para as Relacións co Consello de Contas.

A parlamentaria socialista Elena Espinosa criticou o formato escollido polo PP para o debate dos informes do Consello de Contas, que na súa opinión respondeu a impedir unha análise demorada dos 17 relatorios a discusión. Na mesma orientación, avanzou a presentación dunha iniciativa por parte do PSOE co obxectivo de regulamentar o traballo da Comisión Permanente non Lexislativa para as Relacións co Consello de Contas e garantir o seu funcionamento regular.

A voceira dos populares na comisión parlamentaria, Cristina Sanz, rexeitou os argumentos achegados desde as filas da oposición, acusando nacionalistas e socialistas de tentar instrumentalizar os seus informes para sacaren réditos políticos. Ao tempo, a deputada do PP destacou que "Galiza está ao día no debate dos informes do Consello de Contas, algo que non acontece noutras comunidades".

Comentarios