O BNG anuncia que en outubro levará ao pleno do Congreso a Lei para reducir a xornada laboral a 35 horas semanas

Rego sinalou que se trata dunha nova oportunidade na Cámara Baixa para tomar en consideración unha Lei que ten como obxectivo reducir a xornada laboral.
Néstor Rego no Congreso. (Foto: Nós Diario)
Néstor Rego no Congreso. (Foto: Nós Diario)

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, lembrou esta segunda feira que a formación nacionalista, co impulso da CIG, rexistrou unha Proposición de Lei "ambiciosa e valente" co obxectivo de "conquistar dereitos para a clase traballadora fronte á explotación".

Rego sinalou que se trata dunha nova oportunidade na Cámara Baixa para tomar en consideración unha Lei que ten como obxectivo reducir a xornada laboral. "O futuro pasa polas 35 horas e avanzar cara á xornada de 32 horas en catro días por semana", salientou o representante do BNG.

"Avanzar cara a unha distribución máis xusta do traballo e garantir a conciliación da vida laboral e persoal e aumentar a produtividade sen reducir os salarios das traballadoras e traballadores" son os obxectivos da Proposición de Lei do BNG, explicou.

Neste sentido, o BNG chama o resto de forzas políticas a "seren valentes e tomaren en consideración esta medida" que vai máis alá da proposta enunciada polo Goberno español. "A xornada de 37,5 horas xa é xeral na Administración Pública (en moitos sectores mesmo 35 horas) e en moitas empresas", afirmou.

"Agora é preciso avanzar cara ás 35", abondou Rego, quen destacou que "esta medida suporía un avance social innegábel e contempla garantías para evitar o abuso de horas extraordinarias e mellorar a regulación do rexistro de xornada".

Comentarios