O BNG anuncia unha "ofensiva social e institucional" para abaratar a factura da luz

Ana Pontón (Foto: Nós Diario).

Ana Pontón anuncia que a súa formación defenderá unha Lei para rebaixar a luz a tavés dunha tarifa eléctrica galega e lembra que o  BNG recolleu máis de 23.000 sinaturas contra a suba da luz e a favor dunha tarifa que compense a Galiza como produtora de enerxía.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, anunciou que a súa formación porá en marcha "unha ofensiva social e institucional" co obxectivo de abaratar a factura da luz e lograr unha compensación a Galiza pola súa condición de zona altamente produtora de electricidade.

Neste sentido, lamentou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, estea "desaparecido" en lugar de "plantarlle cara" aos privilexios das compañías. Neste sentido anunciou que o BNG levará ao primeiro pleno da Cámara, en canto se retome a actividade parlamentaria, unha proposición de lei para impulsar unha tarifa eléctrica galega.

As economías domésticas, afixiadas

Pontón denunciou de novo a "estafa que supón" a factura da luz, "asfixiando as economías familiares, as pequenas e medianas empresas" e os autónomos tras rexistrar "máximos históricos" unha e outra vez desde o mes de xuño.

O BNG apunta directamente ao Goberno estatal e á Xunta como "cómplices necesarios" dos intereses do lobby eléctrico e da "cobiza" dunhas empresas "que están a facer caixa no medio dunha crise económica e social sen precedentes", cunha das facturas da luz "máis caras de toda Europa".

Todo iso após favorecer un cambio na factura "que encarece máis o prezo da electricidade" e mentres se manteñen leis "a medida do oligopolio enerxético" ou se promove "un boom eólico depredador" na Galiza, que é unha "bomba para o medio natural e rural" ao tempo que achega beneficios millonarios ás compañías.

Portas xiratorias

"Teñen un asento permanente no Consello de Ministros e no Consello da Xunta", criticou, que achacou tamén ás "portas xiratorias" e á incorporación de políticos aos consellos de administración "con soldazos desorbitados", que non se producen "a cambio de nada".

"O caso galego é moito máis aberrante", advertiu, tras lembrar que a comunidade leva "décadas soportando os custos sociais e ambientais de producir electricidade" sen os beneficios correspondentes e a pesar de contar con "miles de empregos en risco" polo custo da enerxía.

O balance neste marco, sinalou, é que o territorio contou con dúas centrais térmicas, máis de 4.000 aeroxeradores ou 155 centrais hidroeléctricas, onde se producen prácticas como o "baleirado" de encoros "para facer mais caixa" por parte das eléctricas sen que isto tradúzase "en ningunha sanción sobre a mesa".

Primeiro pleno de setembro

Así, o BNG insiste en impulsar unha tarifa eléctrica adecuada a estas circunstancias, do mesmo xeito que os países da contorna como Suecia, Noruega ou Alemaña contan con tarifas diferenciadas para zonas produtoras.

"Desde o BNG nin nos resignamos nin tiramos a toalla para plantarlle cara aos privilexios das eléctricas", sinalou, para o que defenderán unha proposición de lei para impulsar esa tarifa propia e darase continuidade á "ofensiva" iniciada e que se saldou con máis de 23.000 firmas de apoio a esta iniciativa.

A iniciativa defenderase no primeiro pleno da Cámara galega, a primeira proposta que levará esta formación en canto o Parlamento retome a súa actividade habitual.

"Espero que o señor Feixoo, que leva todos estes meses desaparecido nun debate crucial para Galiza, polo menos non vete esta iniciativa", resolveu, co fin de sentar as bases desta proposta "canto antes".