O BNG acusa a Xunta de "atrasar" a modificación do canon eólico para "regalar millóns de euros ás enerxéticas"

"As arcas públicas galegas deixarán de ingresar 1,5 millóns de euros tan só por media ducia de parques que teñen solicitada xa a súa repotenciación", advirte o deputado Xosé Manuel Golpe.
O deputado nacionalista Xosé Manuel Golpe. (Foto: Nós Diario)
O deputado nacionalista Xosé Manuel Golpe. (Foto: Nós Diario)

O portavoz de Enerxía do BNG, Xosé Manuel Golpe, acusou este sábado o Goberno galego de "atrasar" a modificación do canon eólico para  "regalar" millóns de euros ás empresas eléctricas que xa teñen solicitada a repotenciación de parques eólicos instalados na Galiza. "Ímonos atopar cunha morea de parques eólicos que se están repotenciando namentres o canon que teñen que pagar polos aeroxeradores segue sen modificarse, o que permitirá ás empresas aforrar moitos cartos", denunciou

Só por media ducia de parques que xa teñen solicitada a repotenciación as arcas públicas galegas deixarán de ingresarse case 1,5 millóns de euros, advirte Golpe, que  reclama así á Xunta que acelere os cambios no canon, imposto que actualmente se calcula sobre o número de aeroxeneradores de cada parque. O BNG vén demandando desde hai tempo a súa modificación para adaptalo aos avances tecnolóxicos que permiten reducir o número de muíños, "o que fai que as empresas paguen menos".

Unha modificación que "urxe aínda máis agora porque, a través da Lei de acompañamento dos Orzamentos de 2025, a Xunta vai obrigar aos promotores a unha repotenciación", subliña Golpe.  “Iso non é malo, porque imos ter menos muíños moito máis altos”, di, e salienta a “perversión” que implica que nesa mesma Lei ómnibus non se modifique tamén o canon eólico, imposto que ten por obxecto contrarrestar os efectos visuais negativos dos parques de aeroxeradores.

“É cando menos curioso que o PP non aproveite unha lei coa que se modifican pola porta de atrás ata cincuenta leis e decretos, coa que se vai cambiar o Plan sectorial eólico,  para cambiar tamén o canon, deixando que as eléctricas sigan facendo caixa a costa dos recursos dos galegos e as galegas”, engade.

Segundo a análise feita polo BNG, polo menos seis parques teñen en marcha xa a repotenciación. Trátase dos parques de Corme (Ponteceso, comarca de Bergantiños), Novo (Narón, Valdoviño e San Sadurniño, en Ferrolterra), Somozas (As Somozas; Ferrolterra), Serra da Panda (Mañón e Ortigueira; Ortegal), Coriscada (ídem) e Muras (Muras e Ourol; A Terra Chá e A Mariña). En conxunto, estes parques, promovidos entre outras empresas por Naturgy ou Iberdrola, pasarán de ter 271 aeroxeradores a 41. Mantendo practicamente a mesma potencia instalada —arredor de 154 kW— pasarán de pagar polo canon eólico case 1,6 millóns de euros a apenas 125.200, o que supón que a Xunta deixará de ingresar uns 1,47 millóns.

Golpe lembra ademais que no ano 2009 se estabeleceron bonificacións ao canon por substitución parcial ou total dos aeroxeradores por outros de maior potencia. Grazas a estas bonificacións, exemplifica, "un parque eólico con 40 máquinas que comece este ano a repotenciación substituíndo dez muíños por unha soa unidade non terá que pagar o canon".

O portavoz nacionalista de Enerxía critica, por outra parte, a “arbitrariedade máxima” que a Xunta pretende introducir a través da Lei de acompañamento no Plan sectorial eólico, o instrumento de ordenación do territorio que ten por obxecto ordenar e regular a implantación territorial de todas as infraestruturas e instalacións necesarias para o aproveitamento da enerxía renovábel do vento na Galiza.

Incidencia territorial e zonas de aceleración

“Introducen tal cantidade de excepcións no texto que o propio plan carece de sentido”, afirma Golpe, quen rexeita, por exemplo, que os parques existentes podan ser modificados á marxe do Plan sectorial, o mesmo que aqueles proxectos que teñan unha “clara incidencia territorial” pola súa entidade económica e social. “Vaise poder poñer un parque eólico en calquera lugar do país só con que o Consello da Xunta o determine”, advirte.

O deputado do BNG refírese tamén ás zonas de aceleración renovábel, que poderán ser designadas antes da aprobación do Plan sectorial eólico, como outro exemplo de “arbitrariedade”.  “Constitúen a excepción do plan sectorial que máis chama a atención”, apunta, referíndose a estes instrumentos para acoutar zonas terrestres homoxéneas nas que non se prevexa que o despregamento da enerxía eólica vaia ter un impacto ambiental significativo.

“Se xa temos instalados máis de 3.700 MW de potencia eólica, se imos declarar proxectos de incidencia territorial, se imos decretar en que zonas se pode instalar sen ter un plan... de que sirve o plan?”, pregúntase Golpe, concluíndo ironicamente que “é un plan non plan”.

Comentarios