Besteiro pide a Rueda que non invoque a Castelao para xustificar a súa "inacción"
O secretario xeral do PSdeG fixo esta cuarta feira balance da mensaxe de fin de ano do presidente da Xunta. José Ramón Gómez Besteiro afirmou que o discurso de Alfonso Rueda "pretende dar por bo un modelo de país que non está dando resultados".
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, fixo esta cuarta feira a súa valoración da mensaxe de fin de ano do presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda. O socialista considerou que o discurso do presidente do Executivo galego foi "autocompracente, cheo de apelacións á calma, ao 'sentidiño' e a unha Galiza que, segundo el, funciona".
Neste sentido, Besteiro considerou que o problema da mensaxe de Rueda "é que pretende dar por bo un modelo de país que non está dando resultados". Desta maneira, o líder do PSdeG criticou que o presidente da Xunta aluda aos avances do sistema sanitario galego, ao considerar que, a través da louvanza, "evita falar de por que hai persoas que levan meses agardando por unha consulta médica".
Ao igual que na sanidade, o líder do PSdeG alertou de que as promesas de construción de novas vivenda públicas propiciadas por Rueda na súa mensaxe "calan unha realidade incómoda: durante 16 anos o PP non fixo política pública de vivenda na Galiza".
Besteiro quixo lembrar na súa valoración que o presidente do Goberno galego cesaba esta segunda feira a metade da 'cúpula' da Consellaría de Medio Rural após a peor vaga de incendios que sufriu o país o pasado verán. Ademais, o secretario xeral do PSdeG apuntou que este feito "encaixa mal co relato de éxito e estabilidade" que Rueda aludiu no seu discurso.
O socialista tamén instou Rueda a non "invocar a Castelao para xustificar a inacción mentres se acumulan os problemas". Isto, dixo, "é esquecer que Castelao nunca defendeu a resignación, senón o compromiso co país e coa súa xente".
Por último, Besteiro quixo aproveitar a ocasión para lembrar que o "sentidiño non reduce listas de espera, non garante coidados, non crea vivenda pública nin reactiva a economía". "O problema non é a actitude da xente, senón a falta de respostas de quen goberna", concluíu o socialista.

