Besteiro denuncia que a flexibilización de Rueda converte a moratoria do eucalipto nun "plan encuberto para a súa liberalización"
O secretario xeral do PSdeG exixe retirar a flexibilización, publicar a avaliación oficial e planificar con base científica o futuro do monte galego "porque un monte rendíbel e ordenado non arde".
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, denunciou esta segunda feira que o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, está utilizando a Lei de Acompañamento para introducir "portas de atrás" que baleiran de contido a moratoria do eucalipto aprobada no ano 2021. Segundo explicou, a chamada flexibilización "permite quitar eucalipto nun lugar para plantalo noutro", co que a moratoria deixa de ser moratoria e convértese nunha liberalización encuberta.
O portavoz lembrou que a moratoria naceu "para parar, avaliar e reconducir" e fixou o seu horizonte en decembro de 2025; con todo, explicou, "a día de hoxe non existe avaliación oficial publicada sobre os seus efectos". Engadiu que técnicos da propia administración advertiron de inseguridade xurídica, enorme complexidade técnica e risco real de expansión da especie se prospera a flexibilización.
A proposta do PSdeG
Besteiro situou a proposta socialista en catro pasos: moratoria real, restauración, ordenación e diversificación do monte galego. E concretou as medidas: prorrogar cinco anos a moratoria para planificar con datos reais; publicar xa a avaliación 2021–2025; investigar especies alternativas autóctonas e reforzar a biodiversidade e a conservación; e un Plan de choque contra a praga da banda marrón e mellora xenética de coníferas.
Modelo industrial e Altri
Besteiro advertiu que a ampliación da flexibilización "dá que pensar" porque encaixa co "único plan industrial coñecido que defende o PP: o de Altri". Advertiu de que, se se pretende encaixar Altri na ampliación 2025–2030 da capacidade eléctrica, a Xunta debe aclarar a que proxectos maduros renuncia para priorizar "un proxecto que non é maduro".
Besteiro enmarcou o debate forestal nunha política "de 16 anos sen investimento suficiente e estábel en prevención, extinción e ordenación", lembrando que "un monte rendíbel e ordenado non arde". Criticou tamén que os fondos europeos "non se aproveitaron para modernizar Galiza", senón para "tapar o día a día", e que hoxe a Xunta carece dun plan industrial "máis aló de Altri".

