Beiras pide que a fórmula das ‘mareas’ se estenda ás novas eleccións

Di que Podemos é unha “forza decisiva” mais lémbralle que obtivo mellores resultados en candidaturas de unidade que en solitario.

 

Para Xosé Manuel Beiras as eleccións do domingo marcan “o fin dun ciclo político” e manteñen “a grande oportunidade de darlle o finiquito ao réxime da II Restauración Bubónica”. O veterano dirixente nacionalista e co-portavoz de Anova considera que nestes comicios a “gran derrota do PP” foi causada polas “mareas”, polo que apelou á “cidadanía activa” que apostou nesas fórmulas e tomou parte nos procesos de unidade a que “isto continúe” nas seguintes eleccións.

Beiras puxo as vitorias de Ada Colau en Barcelona e Manuela Carmena en Madrid como exemplos, mais dixo que o cambio foi “cualitativamente máis forte” en Galiza, onde o triunfo das ‘mareas’ en 3 das principais cidades galegas racha “o cliché” dun territorio “conservador e de dereitas”. Amosou a súa confianza en que as cúpulas das organizacións con vocación rutpurista entendan que o protagonismo debe ser “da cidadanía”, que é “o motor deste cambio” e non das formación, que deben limitarse a “acompañar”.

“A unidade multiplicou, non só sumou”

Beiras referiuse a Podemos como “forza decisiva”, mais lembroulle que os mellores resultados nas eleccións foi alí onde Podemos concorreu en candidaturas de unidade e non en solitario. “A unidade multiplicou, non só sumou”, declarara un pouco antes, ao cualificar de “exemplar” o que pasou o 24M: “Foi exemplar. Candidaturas case sen cartos, sen endebedarse coa banca, sen axudas públicas. Con todo en contra, salvo a cidadanía”.