Beiras (AGE): "Ten que pór o seu cargo a disposición da Cámara de representantes"

O portavoz parlamentar da Alternativa Galega de Esquerda asegurou que o futuro do presidente da Xunta debe ser determinado pola institución que o investiu e non polo grupo parlamentar do PP. 

O líder de Anova e portavoz parlamentar de AGE sumouse esta segunda feira ás demais forzas políticas que exixiron a comparecencia do presidente da Xunta de Galiza no Parlamanto. Aliás, asegurou que este "ten que pór o seu cargo a disposición da Cámara de representantes". Segundo Xosé Manuel Beiras é esta institución "a que o investiu presidente e non o grupo parlamentar do PP", polo que tamén deberá ser quen determine se debe ou non continuar no exercicio das súas funcións. 

Acompañado pola vice-voceira de AGE, Yolanda Díaz, Beiras considerou "patético e noxento" a información publicada por El País este domingo e considerou que "nunha sociedade en que a instancia política goce de boa saúde" o presidente do goberno tería demitido. Aliás, criticou con dureza o comunicado emitido polo Partido Popular após saíren publicadas as fotografías e considerouno "propio dun alumno de EXB e ademais dos que padecen fracaso escolar" pois di, non indica nada para alén do exposto na información difundida polo rotativo madrileño.

Comentarios