Ayuso e a cúpula do PP cruzan acusacións de espionaxe e cobros "irregulares" de comisións
A presidenta de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, acusou a cúpula estatal do Partido Popular (PP) de "actuar de maneira cruel e desleal" contra a súa persoa e a súa familia, despois de que varios medios españois desvelaran que altos cargos populares contrataron o servizo de dectives privados para investigar Ayuso.
A operación de espionaxe teríase orquestado desde o Concello de Madrid, baixo a supervisión do presidente estatal do PP, Pablo Casado, e o secretario xeral do partido, Teodoro García Egea.
A este respecto, o alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida, asegurou nunha comparecencia de urxencia que o Concello non tivera ningún tipo de implicación loxística nin económica na contratación destes espías.
Martínez-Almeida negou que Pablo Carrromero, man dereita do rexedor e acusado de ser o intermediario entre a cúpula do PP e a empresa de espionaxe, tivese algo que ver con esta situación. A pesar disto, o propio Carromero vén de dimitir con carácter inmediato do seu cargo de director xeral de coordinación do alcalde.
Cobro "irregular" dunha comisión
Tal e como explicaron diversos medios de comunicación, e a propia Díaz Ayuso confirmou, a investigación do PP tiña por obxectivo desvelar se o irmán da presidenta cobrara unha conisión de xeito "irregular" por un contrato "adxudicado a dedo" polo Goberno da auonomía a unha empresa dun presunto achegado.
O contrato, para a compra de máscaras FFP2 e FFP3, foi adxudicado por un valor de 1,5 millóns de euros durante a primeira vaga da pandemia en 2020, cando este tipo de contratos estaban supostamente permitidos pola legalidade.
Nas últimas horas, e a pesar de que o PP desmentiu que houbera espionaxe, novas informacións confirmarían que os populares non só terían investigado a relación irregular do irmán de Díaz Ayuso co Goberno de Madrid, senón que tamén doutras persoas achegadas á presidenta.
Postura de Díaz Ayuso
Tras a comparecencia do alcalde de Madrid, a seguinte en intervir foi a propia Isabel Díaz Ayuso, quen convocou os medios de comunicación para "dar explicacións" sobre o sucedido.
A presidenta de Madrid afirmou que "non adxudicou nada a ninguén do seu entorno", e sinalou que "pode cometer erros, pero non ilegalidades". A dirixente popular cargou contra Pablo Casado, e instouno a demostrar as acusacións sobre ela.
Díaz Ayuso tamén acusou o Goberno español de filtrar a Pablo Casado os documentos relacionados co contrato, segundo o propio presidente estatal do PP lle tería revelado supostamente. Porén, o secretario xeral do Partido Socialista (PSOE) en Madrid, Juan Lobato, desmentiu estas informacións. Así mesmo, os socialistas tamén acaban de presentar un escrito ante a Fiscalía para investigar o presunto cobro irregular desa comisión.
Por último, a presidenta madrileña lamentou que se poña en dúbida a súa lealdade ao PP, e instou a que "se depuren responsabilidades, tanto a escala estatal como rexional".
Apertura dun expediente informativo
O último en comparecer foi o secretario xeral do PP, Teodoro García Egea, quen negou todas as acusacións de Díaz Ayuso e afirmou que o partido político unicamente instou a presidenta a que entregase toda a documentación relacioanada co caso, "recibindo como resposta unha campaña de ataques durante meses".
García Egea sinalou que a formación puxo en mans dos servizos xurídicos do PP as palabras de Díaz Ayuso, e de que abrirá un expediente informativo á presidenta de Madrid pola súa "deslealdade". Este podería derivar nun expediente sancionador, que vai desde a suspensión da militancia até a expulsión do Partido Popular.