A autovía entre Santiago e Lugo non estará completa até finais de ano
O mes de xullo de 2017, o daquela ministro de Fomento, Íñigo de la Serna (PP), puña a primeira pedra da autovía A-54 para conectar Santiago e Lugo. Esta segunda feira, case oito anos despois, o ministro de Transportes, Óscar Puente (PSOE), inauguraba en Palas de Rei (A Ulloa) o tramo entre esta localidade e Melide (Terra de Melide). Segundo anunciou o ministro, a previsión é que se inaugure no mes de agosto outro dos tramos que faltan -entre Arzúa e Visantoña (Santiso) que ten algo máis de catro quilómetros- e o último dos tramos para completar o trazado da A-54 -entre Santiso e Melide- abrirá "a finais deste ano".
O ministro estivo acompañado na inauguración -no chamado Viaduto de Pambre- polo delegado do Goberno español na Galiza, Pedro Branco, a conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, os presidentes das Deputacións da Coruña e Lugo -Valentín González Formoso e José Tomé, respectivamente- e os alcaldes de Palas de Rei, Pablo Taboada; o de Melide Xosé Manuel Pérez; e o de Santiso, Manuel Adán.
O tramo desta autovía entre Palas de Rei e Melide inaugurado esta segunda feira ten 11,7 quilómetros e un investimento total de 100 millóns de euros. Precisamente o Viaduto de Pambre, escollido polo Ministerio de Transportes para a inauguración, sufriu varias modificacións polas afectacións ambientais e patrimoniais do trazado inicial, ao atravesar a Zona de Especial Protección Serra do Careón (Rede Natura) e a afectación a biodiversidade protexida e endémica na zona, como a sepentina melidensis. Óscar Puente puxo en valor esta segunda feira na inauguración o traballo feito en "coordinación" coa Xunta e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) "para cumprimentar as prescricións ambientais e patrimoniais da zona e aplicar medidas protectoras".
Puente puxo como exemplo o Viaduto de Pambre (o maior de Lugo con 997 metros) dun "territorio orograficamente complexo" para xustificar o atraso acumulado no tempo pola A-54 e o feito de que o orzamento total só destes 11,7 quilómetros acadase os 100 millóns de euros.
O ministro anunciou a convocatoria a finais de marzo da Confederación de Transportes para deseñar o novo mapa concesional de mellora dos servizos de transporte por estrada en todo o Estado, e aproveitou a presenza no acto da conselleira de Vivenda para "tender a man" buscando a "cooperación" da Xunta.
Problemas de tráfico en Melide coa apertura
A apertura deste tramo da A-54 sen estar completa a autovía vai provocar problemas de tráfico no centro de Melide. Logo das denuncias do Concello arredor desta situación, Puente asegurou esta segunda feira que o seu departamento implantou "medidas" para salvar os problemas na glorieta de Melide. Destacou unha "modificación xeométrica para as manobras de xiro dos vehículos" e dixo que van "semaforizar a zona para adaptar o enlace coa autovía". Mentres, e co tráfico aberto desde esta segunda feira pola tarde, o alcalde de Melide advertiu de que o Concello estará "vixiante" os vindeiros 10 días para ver o efecto das medidas correctoras.
Xosé Manuel Pérez explicou: "Pedín medidas de seguridade para que non se paralice a actividade económica do concello e para que a veciñanza poida facer con seguridade a súa vida normal". A saída actual da autovía en Melide até o enlace en Palas de Rei abrangue 1 km, no que o alcalde explicou que se concentran "tres plantas de formigón, tres de áridos e unha de aglomerado, dúas grandes superficies comerciais, un colexio, o centro de saúde e o tanatorio".

