O atraso na resolución dos informes sobre Altri custaría medio millón á Xunta

A rolda de prensa decorrida esta segunda feira após o Consello da Xunta deixou máis dúbidas sobre os atrasos na tramitación da autorización do macroproxecto que a celulosa Altri quere construír na Ulloa.
O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, esta segunda feira durante o Consello en Compostela.
O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, esta segunda feira durante o Consello en Compostela.

Os atrasos na tramitación da autorización a Altri pola Xunta da Galiza, relacionados cos resultados do informes que teñen que certificar a declaración ambiental do proxecto de celulosa en Palas de Rei (A Ulloa), centraron esta segunda feira as preguntas dos medios de comunicación ao presidente galego, Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. 

“Estamos na fase final desa avaliación e non lle vou meter présa, todo o contrario, aos técnicos que teñen que facela”, sinalou, ao tempo que colocou o balón no tellado do funcionariado sobre a posíbel “petición dalgún dato máis e a obriga da empresa de facilitalo”. Porén, preguntado sobre se a información complementaria tiña que ver con Augas da Galiza, non quixo contestar xustificándose coa afirmación de que “non é a miña responsabilidade”. 

Iso si, Rueda confirmou que xa hai moitos informes, “algúns xa rematados e outros nesa fase final",  asegurando descoñecer a día de hoxe cales son. “Non estou no día a día, están os técnicos”, concluíu.

Esta segunda feira mesmo, antes da comparecencia de Rueda, o deputado de Medio Ambiente do BNG, Luís Bará, afirmou que o Goberno galego estaba “bordeando a prevaricación” coa intención de favorecer os intereses de Altri, cun cúmulo de irregularidades que -anticipou- “poden dar lugar a responsabilidades e con toda seguridade á vía xudicial”. 

En concreto, falou de “fortes presións a funcionarios e funcionaria e altos cargos da Xunta para que informen favorabelmente sobre este proxecto” e vencer así as resistencias derivadas do “enorme rexeitamento social e dos sectores produtivos da comarca da Ulloa”. Presións, aclarou, que levaron por exemplo "á dimisión en setembro de 2024 do director xeral de Calidade Ambiental, Ramón Martínez Voga, encargado daquela de asinar a declaración de impacto ambiental sobre o proxecto". 

Sobre esta situación, o deputado nacionalista considerou que "máis ben é unha especie de escenificación dunha suposta esixencia ambiental e de control", dixo, lembrando ademais que está a piques de cumprirse o prazo despois do cal, segundo os cambios feitos "pola porta de atrás" na Lei de Acompañamento dos Orzamentos de 2024, a Xunta tería que pargarlle a Altri unha "indemnización de, inicialmente, medio millón de euros por non aprobar o proxecto en tempo". 

 Neste sentido, Bará anunciou que o BNG volverá reclamar o acceso á documentación e informes sectoriais e xa rexistrou unha iniciativa reclamando a comparecencia no Parlamento galego dos colectivos sociais que están afectados.  

"Non teño constancia"

Preguntado por Nós Diario sobre a posibilidade de que a demora estea relacionada coa negativa do funcionariado para asinar o estudo sobre a captación de augas realizado por Aquatica Ingenieria SL, o presidente considerou que só son "suposicións". Da mesma maneira, Alfonso Rueda non quixo contestar sobre as posíbeis diferenzas entre as Consellarías de Economía e Medio Ambiente en relación a este tema respondendo cun "non teño constancia".  

Modifícanse os límites de renda para acceder á vivenda pública

O Consello da Xunta acordou esta segunda feira modificar os límites máximos de ingresos da familias para acceder ás vivendas de promoción pública (VPP) e ás distintas tipoloxías de vivendas de protección autonómica (VPA) despois de dar a coñecer que, segundo os últimos datos oficiais, o salario bruto medio está en 2.136 euros.

Así, o tramo para unha unidade familiar para unha VPP que estaba en 2,5 veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (Iprem) será de 3 veces o Iprem. Con respecto ao VPA de réxime especial, o límite máximo increméntase tamén no medio punto, pasando de 3 a 3,5; e pasando ademais, do 4,5 até 5 veces o Iprem nas vivendas de réxime xeral. Ademais, mantense o tramo de ingresos ponderados para o acceso ás VPA de réxime concentrado, en até 6,5 veces o Iprem.

23.100 persoas con lesións

Ademais, o Consello tratou un informe do Sergas sobre os resultados do Programa galego de detección precoz do cancro colorrectal no período 2013-2023. Nel, sinálase que se enviaron 2.331.114 invitacións a participar, 99 % de homes e mulleres de 50 a 69 anos. Até decembro de 2023 realizáronse colonoscopias a 56.641 persoas e detectándose 23.100 persoas con lesións que requiriron unha vixilancia con colonoscopia.

Comentarios