venres 24/09/21

Unha asociación pro israelí con sede en Madrid denuncia o BNG de “enaltecer o terrorismo” pola presenza da FPLP o 25 de Xullo

Acción e Comunicación sobre Oriente Medio (ACOM) di que deu " acubillo e xustificación nun acto público" á Fronte Popular pola Liberación de Palestina (FPLP).

Fayed Badawi FPLP Foro de Unidad y Lucha
Fayed Badawi, representante da FPLP para Europa e que ten participado en numerosos actos na Galiza.

Representantes da FPLP, Fronte Popular pola Liberación de Palestina, levan anos participando, na Galiza, Estado e Europa, en diferentes actos para dar a coñecer a situación de Palestina. Convidados `por organizacións, entidades, colectivos, institucións ou plataformas de diferente signo.

Agora, a asociación Acción e Comunicación sobre Oriente Medio (con sede en Madrid e que afirma que ten como obxectivo  “promover o estreitamento da amizade entre España e Israel, así como os seus valores compartidos”) di que denunciará o BNG por enaltecemento do terrorismo por "proporcionar acubillo e xustificación nun acto público" á FPLP, á que cualifica como "unha organización declarada como terrorista en Europa".

Nun comunicado, ACOM sinalou que, dado que os feitos tiveron lugar na manifestación convocada o Día da Patria Galega  pola formación nacionalista, interporán a denuncia na Fiscalía Provincial da Coruña, "por se tales feitos puideren ser constitutivos dalgún ilícito penal, concretamente polo delito de enaltecemento do terrorismo, no delito de incitación ao odio, ou en calquera outro que puidese resultar da investigación que inicie o Ministerio Fiscal".

"É absolutamente deplorábel que unha formación política con representación institucional, socia de Pedro Sánchez, contribúa á xustificación da violencia xenocida e xudeofoba á que se enfronta o estado de Israel desde o mesmo inicio da súa existencia", di a asociación.

ACOM di que o FPLP "está catalogada como grupo terrorista” pola Unión Europea e Estados Unidos.

comentarios