É o sexto territorio en achega ao PIB e quinto en peso poboacional

A asignación de fondos europeos por habitante sitúa a Galiza en décimo posto

O Goberno español leva asignados ás comunidades 11.200 millóns de euros dos fondos europeos destinados á recuperación da crise xerada pola Covid. A Galiza recibiu até o de agora 681 millóns de euros,  coa porción máis grande para a 'Transición verde' (318 millóns). A Galiza é o décimo territorio en fondos por persoa: 253 euros.
grafico-para-web
photo_camera En 2021 o Goberno español asignou 11.200 millóns de euros entre os diferentes territorios. (Táboa: Datawrapper, con datos do Ministerio de Facenda)

A asignación até o momento dos fondos europeos polo Goberno español ás comunidades autónomas implica por volta de 11.200 millóns de euros. Unha cifra que se adxudica en base aos proxectos presentados e que a profesora de Economía da USC María Cadaval cualifica como "poxa competitiva". 

Deses miles de millóns asignados en 2021, a Galiza recibe 681 millóns de euros. Isto implica 253 euros por habitante, o que sitúa o país como o décimo  entre as 19 comunidades do Estado. Se ben está por riba da media estatal, que se sitúa nos 245 euros por habitante, fica sensibelmente por baixo do que 'toca' en territorios como Estremadura (412 euros por habitante), A Rioxa (355) ou Nafarroa (315).

Este décimo posto que ocupa Galiza nesta 'repartición' dos fondos por habitante é inferior á posición do país na achega ao Produto Interior Bruto (PIB) do conxunto do Estado, onde Galiza é sexta; ou o seu peso poboacional, onde é quinta.

De cara a 2022, o Goberno español presentou as prioridades para o primeiro semestre. Asignaranse outros 2.731 millóns destes fondos, dos que a Galiza recibirá 169 millóns.

Transición verde e dixitalización

María Cadaval lembra que os fondos europeos, se ben son unhas asignacións europeas ao Goberno español que "non teñen carácter territorial", si que teñen "impacto territorial". A Unión Europea, explica a Nós Diario, marca as liñas xerais, os obxectivos aos que se deben dedicar, e os fondos non responden a criterios de territorios ou poboación para se asignar.

Dos 681 millóns que recibiu a Galiza, case a metade do total (47%) corresponde a 'Transición verde', mentres que a 'Dixitalización' leva 14% e 'Protección social' 13%. 'Turismo' recibe 9% deses 681 millóns mentres 'Emprego' fica con apenas 7%.

Sobre os ataques do Goberno galego á distribución polo Executivo español dalgunha partida dos fondos europeos, Cadaval insta a Xunta a se "centrar" no que considera importante destes fondos: "Condicionar" que os importantes fondos que van recibir as empresas teñan "repercusión" no territorio.

Gonzalo Rodríguez, economista e tamén profesor na USC, lamenta que desde o Goberno galego semelle que a única baza que se xoga é "deixar que o mercado lidere".

María Cadaval augura que van ser unhas poucas grandes empresas as que "ven levar o groso dos fondos" e Gonzalo Rodríguez lamenta que non haxa desde a Xunta unha aposta neste sentido polas empresas medias. "A diferenza entre os países que funcionan ben e os que funcionan mal son os que teñen un tecido de empresas medianas e os que non", afirma a Nós Diario.

Nesta liña, apunta Rodríguez, a Galiza debería evitar deixarse arrastrar polo que denomina "forza de gravidade de Madrid" e centrarse "nese espazo natural para a economía galega que é o norte de Portugal".

Comentarios