A maré concorrerá como partido instrumental ás eleccións galegas

Beiras, Manuel Antelo, Rubén Pérez ou Eva Solla, entre outros, integran a coordenadora provisional, na que tamén hai 2 inscritas de Podemos.

coordenadora marés
photo_camera Algún dos integrantes da coordenadora. Imaxe: @mareatlantica

Crear “un suxeito político galego”, definir un calendario de primarias para elexir candidato e unha metodoloxía eran tres dos obxectivos que se marcaba a asemblea da 'maré constituínte' que este sábado decorreu en Vigo. Unhas 2.500 persoas asinaron o manifesto dos alcaldes de Compostela, A Coruña e Ferrol que serviu de alicerce para este acto, que nas primeiras horas reunia por volta de mil persoas, segundo cifras das axencias.

Beiras avisa Podemos de que as "reivindicacións partidistas rachan a unidade" e di confiar en que "non o fagan"

Na sesión da mañá aprobouse que "En Marea adoptará a forma electoral de partido instrumental para concorrer ás eleciones ao Parlamento de Galiza". Unha fórmula que descarta Podemos Galiza. O nome electoral será escollido a proposta da xunta xestora. Tamén se acordou que as primarias resolveranse nun tempo menor a 20 días, aínda que falta por concretar o día que se iniciará o proceso. A asemblea decidiu permitir presentar listas de consenso mais o candidato non estará ligado a elas, senón que deberá facelo de forma individual.

A votación sobre o partido instrumental decorreru após unha polémica polo documento que establece a relación entre un eventual Goberno da Xunta, o partido instrumental e o grupo parlamentario, ao respecto do que un sector, algúns deles procedentes do colectivo Cerna, pedía pospoñer para máis tarde. Xosé Manuel Beiras tomou a palabra e urxiu crear o partido instrumental, propondo tamén un compromiso de todos os presentes de que se poderían modificar algúns aspectos.

Coordenadora provisional

A media tarde elixiuse a Coordenadora provisional deste novo instrumento político. Son 11 persoas, entre as que están, entre outras, Xosé Manuel Beiras (Anova), Rubén Pérez e Eva Solla (Esquerda Unida), Manuel Antelo (alcalde de Vimianzo e no BNG até hai unhas semanas), Iago Martínez (MareaAtlántica), Ledicia Piñeiro (Ourense en Común), Rafa Dopico (Anova), Victoria Esteban ou Manuel Barreiro. Na coordenadora hai 2 inscritas de Podemos, Mariajo Bóvenda e Cramen González.

Comité electoral

Tamén se aprobou un comité electoral, que será o órgano que tutele as eleccións primarias. A este órgano presentáronse dúas listas, unha delas vinculada a Cerna. Finalmente, foi a outra lista de nomes a que conformará a xestora. Millán Fernández, Nine Paz, Pablo Nieves, Martiño Ramos, Hermida Dios, Helena Cordero, Aníbal Ledo, Ronsel Pazos, Xermán Tobío, Dani Conde e María Xosé Fernández Pardo. Estas persoas non poden candidatarse.

Xulio Ferreiro (A Coruña), Jorge Suárez (Ferrol) e Martiño Noriega (Santiago de Compostela) foron os encargados de 'inaugurar' a asemblea constituínte, destacando que a vontade era a de poñer en valor o que une e poñer "punto e final" a esta etapa de gobernos de Feijóo. "Imos constituír un suxeito político transformador, inclusivo, que sexa quen de disputar a Feijóo" a maioría, proclamou Martiño Noriega, quen asegurou que será "un punto de inicio do suxeito político que devolverá a esperanza" a este país. Jorge Suárez asegurou que a estamos perante unha "xornada histórica" e que se abre "unha ventá de esperanza" . Pola súa parte, Xulio Ferreiro, manifestou que “hoxe imos construír esa unidade e ese suxeito político que vai devolver a ilusión á xente”.

Na asemblea participan simpatizantes e militantes dunha trintena de marés municipalistas, así como de Anova e Esquerda Unida. Tamén hai bases de Podemos, embora a liña vermella deste partido en Galiza sexa que non se diluirán nun novo suxeito político. Tamén asisten á mesma membros de Cerna e persoas como Carlos Aymerich ou Ana Luisa Bouza.

Podemos

A secretaria xeral de Podemos Galiza, Carmen Santos, apareceu na asemblea pola tarde. O seu partido decidrá entre este domingo e a terza feira o paso a dar. Os inscritos, por volta de 20.000 segundo a organización, votarán telematicamente se van ás eleccións galegas en solitario ou en alianza e coligazón con outras forzas. O que desbotan é diluirse nun partido instrumental. 

Comentarios