O foco posto xa nas galegas 2020

Pontón contrapón un BNG que avanza a un PP "en declive"

Unha Galiza binaria é a que debuxou esta segunda feira Ana Pontón, a líder nacionalista, após unha reunión dunha delegación da Executiva do BNG cos cabeza de lista das 7 cidades galegas. Por un lado, un Bloque que avanza. Por outro, un PP "en declive" que "retrocede nos tres últimos procesos electorais" e que "perde peso". Pontón enfatizou que no conxunto das 7 urbes máis populosas do país o voto ao nacionalismo incrementou en 22,2% nestas eleccións locais.

ANA PONTÓN CANDIDATOS CIDADES 2019
photo_camera Ana Pontón posa coas concelleiras e os concelleiros xa electos

"Outra Galiza é posíbel e constrúese desde os concellos e as deputacións", dixo Ana Pontón na súa comparecencia perante os medios desta segunda feira. Cun discurso inxectado de optimismo, a líder nacionalista achegou dous dados que ilustran sobre o avance da alternativa soberanista no entramado urbano da Galiza: o 26M o voto ao Bloque incrementou en 22,2% no conxunto das 7 cidades. "E o número de concelleiras e concelleiros en 31,6%", resaltou.

O BNG está en forma, veu argumentar Pontón. "Duplicamos votos nas xerais e nas europeas", dixo. E nas locais o Bloque aumentou apoios e materializou os seus obxectivos estratéxicos: reter Pontevedra e obter representación naquelas cidades das que fora desaloxado en 2015 (Ourense e Vigo).

Ese BNG puxante que debuxou a portavoz nacional da formación frentista contrapúxoo a un PP que ve "en declive", cada vez con menos "peso" na sociedade galega. A tendencia permite prognosticar a Pontón que o Bloque está en condicións de enfrentar con garantías un novo desafío, o das eleccións galegas de 2020.

O reto no próximo combate electoral é duplo: por unha banda, pór fin "ao decenio nefasto do PP e de Feixoo" e por outro facelo cun nacionalismo reforzado que permita a posta en práctica desde o goberno galego de políticas que garantan "un cambio real".

A clave pasaría por "fortalecer o proxecto do BNG", unha organización "unida" arredor dun "proxecto claro" e "referente" de centos de miles de cidadás e cidadáns. Mais Pontón non se conforma: "hai que sumar máis galegas e galegos".

Un proxecto diferenciado

E sobre a política de alianzas, Pontón deixou algunhas pistas. O BNG estará sempre frente á dereita, tal e como pide "a maioría social galega", mais á vez manterá e reforzará un proxecto "diferenciado e non homologábel" a outras forzas.

"Ese traballo [o da materialización do ideario propio do BNG] pódese facer desde o goberno ou desde a oposición", precisou Pontón, quen enfatizou que "sempre demostramos que facemos oposición pensando no ben común". "Nós imos ás institucións para mudar as cousas", concluíu.

Comentarios