Paula Quinteiro

"En Anticapitalistas si estamos pola dupla militancia, por estar á vez en Podemos e na Marea"

Paula Quinteiro (Vigo, 1990) é o referente na Galiza de Anticapitalistas, partido de raíz trotskista organizado en Podemos. É tamén parlamentar de En Marea. Curtida no movimento feminista e no 15M, esta enfermeira do SERGAS defende a "dupla" e até "a tripla" militancia, isto é, militar á vez en Podemos e na Marea. Nesta entrevista esmiúza o debate en curso na formación morada, nas vésperas de Vistalegre II.

Paula Quinteiro. Deputada de En Marea. Anticapitalistas. 6 de febreiro de 2017
photo_camera Paula Quinteiro.

-Poderías resumir en trazos mois básicos cal é a proposta de Anticapitalistas para o II Congreso de Podemos?

-Un primeiro apunte é saír do debate das persoas, que é o que está saíndo na imprensa, e centrarnos un pouco no proxecto político. Nós cremos que Podemos debería ser un partido movimento, referímonos a que por unha parte temos que ter un papel fundamental nas institucións, pero de igual maneira temos que estar construíndo organización para fóra, vinculándonos cos movimentos sociais que están fóra, entendendo que as institucións non son neutrais e que a nosa participación ten que ser concebida como un medio e non como un fin en si mesmo. Podemos debe ser unha organización máis descentralizada, máis democrática, máis plural, entendemos que en Podemos hai moitas sensibilidades, somos unha organización moi heteroxénea, e pensamos que a dirección debe ser do mesmo xeito, plural, e, como dicía, máis descentralizada, porque é unha organización que desde o seu inicio tivo demasiado peso, ben, específicamente de xente, de persoas, de Madrid, e nós cremos que os territorios deben ter moito máis peso nas decisións e máis autonomía, tanto política como financeira, e despois cremos que Podemos ten de ir á transformación radical da sociedade. Nós somos anticapitalistas porque entendemos que o sistema é inxusto e cremos que moitas das medidas programáticas que tivo Podemos no seu inicio -a renda básica, a auditoría cidadá da débeda, nacionalización de sectores estratéxicos- son propostas que nunca deberían ter ficado nun segundo plano e hainas que recuperar porque non cabe unha solución a medias.

-Ti cres que houbo unha especie de deriva socialdemócrata de Podemos nos últimos tempos?

-Non diría tanto, pero o que si que creo é que moitas das medidas programáticas que se levaban nas europeas, que foi o primeiro programa eleitoral de Podemos, ficaron un pouco de lado, supoño que en aras de conseguir un mellor resultado eleitoral. Mais nós entendemos que todas esas medidas son xustas e que hai que plantexalas.

-A diferenza das liñas de Iglesias e Errejón, Anticapitalistas ten posto a énfase na cuestión da UE. E até o voso eurodeputado Miguel Urbán ten dito que no actual marco comunitario non é posíbel desde os gobernos implementar políticas realmente de esquerdas. 

-O que nós pensamos é que a solución nunca vai vir dada só cunha vitoria eleitoral só no Estado español, que seguramente sería importante, mais é tamén moi importante trazar alianzas co resto de países da Unión Europea, en concreto, cos do sur, con Portugal, con Grecia, con Italia. As institucións da UE son antidemocráticas. Parte da débeda tamén é inxusta. Por tanto, non vai vir unha solución senón entendemos que a solución ten de ser compartida a nível internacional. En todo caso, sobre o debate UE si UE non o que pensamos é que nós non temos que facer ningún sacrificio en aras do pagamento dunha débeda que é inxusta...

-Mais o tema do euro si que non o cuestionades...

-Non, un pouco o mesmo. Ningún sacrificio [en aras de manter o euro]. Serán debates que terán que ser dados... O máis importante é que non condicione ningunha decisión. Neste momento hai decisións do goberno español que veñen condicionadas pola Unión Europea -como a reforma do artigo 135 da Constitución. Nós estamos por mudar iso.

-Aínda que poda parecer unha caricatura, podemos dicer que vós estades no organizativo algo máis perto de Errejón e no politico algo máis perto de Iglesias.

-Eu penso que non, que é unha caricatura.

-Xa dixen que o podía parecer [rimos].

-A ver, entendemos que non se pode separar o debate do modelo organizativo do político no sentido de que a organización que queremos vai depender tamén dos obxectivos políticos que teñas. Se ti queres construír unha organización feminista para a sociedade, tamén tes que dotarte dunhas medidas organizativas que o sustenten. Entón eu penso que debemos dar o debate de maneira conxunta. Defendemos construír Podemos como partido-movimento e daí derívanse unha serie de liñas, de estratexias políticas, e tamén unha serie de medidas organizativas. Si que é certo que pode haber coincidencia en determinadas cuestións, mais nós entendemos que o debate haino que abordar dun xeito integral.

Paula Quinteiro. Deputada de En Marea. Anticapitalistas. 6 de febreiro de 2017-E estades preocupadas polo nível de ruído que hai, porque a verdade é que está sendo bastante grande, non?

-A ver, pensamos que hai que saír desta dinámica, que hai que normalizar o debate interno. Preocupadas? Nós entendemos que hai que camiñar cara unha organización na que o debate interno sexa naturalizado, normalizado, que as diferenzas se podan expresar con normalidade, e obviamente non nos gusta como se está levando mediaticamente este proceso porque hai unha cuestión fundamental, e é que todas estamos por construír Podemos o día despois de Vistalegre e, portanto, debemos entender o debate como un proceso normalizado.

-Unha das cuestións na discusión en curso sería a da dupla militancia, isto é, a posibilidade de poderdes militar á vez en Podemos e na Marea. Cal é a posición de Anticapitalistas a este respeito?

-Nós estamos por que si. Estamos pola dupla, tripla ou cuádruple militancia. Porque de igual xeito que temos militancia en Anticapitalistas, en Podemos, nun sindicato, nun colectivo social, entendemos que En Marea é o noso referente na Galiza e apostamos por construír En Marea sen por iso deixar de sermos militantes de Podemos.

-E até que ponto está a condicionar o debate de Podemos os procesos internos de En Marea, até que ponto En Marea ten moito posto o ollo en Vistalegre II?

-Eu creo que non tanto. En Marea é un suxeito propio, con dinámicas e debates propios, e condiciona na xusta medida, como poden condicionar outros debates políticos, porque obviamente hai xente de Podemos que estamos en En Marea. Pero nin de máis nin de menos. Na xusta medida. En Marea ten unha dinámica propia que hai que respeitar.

-Carmen Santos, secretaria xeral de Podemos Galiza e referente da candidatura oficial, ten feito algunha declaración da que se podía inferir que En Marea non ten por que ser a fórmula eleitoral de Podemos para todo tipo de eleccións no noso país. Partillades este ponto de vista?

-Nós defendemos que o espazo de actuación na Galiza é En Marea e son as mareas municipais. Nós continuamos a apostar por En Marea para todos os procesos eleitorais.

-O voso referente como líder estatal é Pablo Iglesias.

-Si, nós non apresentamos [candidatura á secretaría xeral]. O que si é que nós apostamos por que non haxa figura de secretario xeral, que haxa figura de coordenador ou coordenadora xeral, que aínda que pareza un matiz terminolóxico non o é: vai na liña de que os liderados deben ser máis partillados, que non pode centrarse todo o poder nunha única persoa, neste caso tanto ten Pablo como Tere Rodríguez [líder de Podemos en Andalucía, referente de Anticapitalistas], o liderado debe ser máis coral, que haxa máis persoas ao fronte.

-E o voso referente para En Marea sería Luís Villares, tamén?

-Claro, si, ou sexa, En Marea está neste proceso de conformación dos seus órgaos, mais para nós o portavoz parlamentar é Luís, por suposto, e a nível interno os órgaos que saian eleitos.

-Mais apostaríades en que Villares tamén fose portavoz orgánico?

-Eu penso que o papel de Luís é fundamental en En Marea. Iso non se está cuestionando. Está un pouco en cuestión se hai outros portavoces. Eu penso que ese debate tamén é un pouco falso. Non é tanto Luís si, Luís non. Luís é o portavoz de En Marea. Iso está claro. Despois está en debate se hai outros portavoces. Eu penso que a coralidade é positiva, e así o ten dito tamén o propio Luís.

Comentarios