Feixoo conxela outro ano, e xa van 10, o complemento da pensión non contributiva

O Goberno galego aprobou o decreto polo que se estabelecen os complementos ás pensións non contributivas da Seguridade Social e doutras prestacións semellantes, unha medida voluntaria -as comunidades non están obrigadas a tela- e que a Galiza vén ofrecendo durante os últimos 14 anos, desde que o Goberno de coalición do PSdeG e o BNG a instaurou en 2009, xusto antes de chegar Alberto Núñez Feixoo á Xunta. Con todo, o actual presidente mantén a contía conxelada desde 2011 en 206 euros. 
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, ante os medios ao remate do Consello da Xunta (Foto: Arxina)
photo_camera O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, ante os medios ao remate do Consello da Xunta (Foto: Arxina)

Habería que retroceder máis dunha década para atopar a orixe da medida que instaurou o complemento da pensión non contributiva na Galiza, unha iniciativa impulsada polo daquela vicepresidente da Xunta, o nacionalista Anxo Quintana.

O complemento, dirixido a persoas con baixos recursos, aprobouse no ano 2009, ao final do 'bipartito' do PSdeG e BNG, beneficiando con 200 euros máis de 50.000 persoas.

Ese mesmo ano chegou Alberto Núñez Feixoo ao Goberno galego e do borrador de orzamentos do PP para 2010 desapareceu calquera partida para ese complemento da pensión. De feito, a conselleira de Traballo nesa etapa, a popular Beatriz Mato, referíase daquela á medida como "un parche" e dubidaba da legalidade de manter e prorrogar nos orzamentos ese tipo de complementos.

Ao final, o Executivo de Feixoo non só rectificou e deu continuidade á medida ano tras ano, senón que mesmo a mantivo practicamente intacta na súa contía. Así, e a pesar da suba do IPC, o complemento da pensión só experimentou unha única suba, pasando de 200 a 206 euros (foi no ano 2011), polo que agora, dez anos despois, o complemento da pensión para 2021 será outra vez de 206 euros. Así o aprobou esta cuarta feira, 23 de decembro, o Consello da Xunta e así vén consignada esa cantidade no proxecto de orzamentos para o ano 2021 do Goberno galego. 

Segundo anunciou o presidente Núñez Feixoo, 38.000 serán as persoas beneficiarias en 2021 desta medida, entre pensionistas de xubilación e invalidez na súa modalidade non contributiva, persoas anciás e enfermas con incapacidade para o traballo, beneficiarias de axudas periódicas; e as persoas con discapacidade que perciben o subsidio de garantía de ingresos mínimos.

A axuda ingresarase de oficio a todas as e os beneficiarios que reúnan os requirimentos, sen necesidade de solicitala nin levar a cabo ningún trámite adicional.

O Consello da Xunta prorroga as contas

O proxecto de orzamentos da Xunta para 2021 aínda se atopa en trámite parlamentar, á espera do debate das emendas parciais dos grupos políticos, polo que o Consello da Xunta aprobou o decreto de prórroga dos actuais orzamentos, que se aplicará até que entren en vigor as contas de 2021. Núñez Feixoo responsabilizou de ter que prorrogar os orzamentos de 2020 ao atraso do Goberno estatal á hora de dar a información necesaria para a Xunta poder elaborar o teito de gasto. “Isto provocou a necesidade de prorrogar os orzamentos, polo menos, durante as primeiras semanas de 2021”, dixo o presidente.

A prórroga aprobada regula o aboamento ordinario das retribucións das e dos empregados públicos da Xunta, as prestacións por dependencia, a Renda de Integración Social (Risga) ou os pagamentos a provedores da Administración galega. 

“Así mesmo, posibilítanse tamén os expedientes anticipados de gastos, o que permite que a Xunta siga funcionando con normalidade a pesar de que teña catro semanas de atraso na aprobación das contas de 2021”, afondou Feixoo na rolda de prensa posterior ao Consello do Goberno.

O virus non ten vacacións

O presidente da Xunta quixo aproveitar a comparecencia ante os medios para chamar á responsabilidade individual das galegas e galegos durante as celebracións do Nadal e avisou de que "o virus non vai coller vacacións". "A responsabilidade individual debe ser fundamental, con maior intensidade nestas datas de máis interacción social", manifestou.

Núñez Feixoo lembrou que hai por diante varios festivos e unha fin de semana e avisou de que queda pouco para a chegada da vacina. 

Comentarios