Ana Pontón: "Temos moito espazo político para medrar se seguimos acertando"
A axenda de Ana Pontón comezou esta segunda feira en Compostela no acto do BNG con motivo do 23 de febreiro, Día de Rosalía. Acode a este café de redacción tras a matinal rolda de prensa e faino a uns días do décimo aniversario da asemblea que a designou portavoz nacional do BNG.
—O 28 de febreiro de 2016 a militancia do BNG elixíaa como portavoz nacional. Entón Altri era unha descoñecida na Galiza. Hai dous anos, 18 de febreiro, foron as eleccións galegas e Altri e a Xunta tiñan daquela un plan para erguer unha suposta fábrica de reciclaxe de fibras na Ulloa. A semana pasada coñeciamos o seu arquivo, xa desvelado como unha celulosa.
O primeiro é recoñecer que esta é unha gran vitoria do pobo galego fronte a un goberno do PP que, con mentiras, estaba facendo de comercial de Altri e queríanos impor unha bomba ambiental no corazón do país. É unha vitoria dunha sociedade que se mobilizou, que non tragou coas mentiras e que di que queremos industria, pero industria de vangarda, que non poña en risco o medio ambiente como facía esta macrocelulosa. Impuxeron Ence nos 60 e agora o PP quería traernos un 'Ence II' en forma de Altri.
—Podemos dar isto por fechado?
É unha gran vitoria que se anuncie o arquivo da tramitación deste proxecto, pero é necesario que se feche, que se diga 'non' a través da autorización ambiental integrada e que non se lle conceda o permiso de augas, porque poden querer volver traernos esta macrocelulosa no futuro e non a queremos nin en 2026, nin en 2030 nin en 2037.
—Este 'non' a Altri, xunto ao 'non' á mina de cobre do Pino e Touro e o 'non' á eólica mariña, valeulle que Alfonso Rueda a chame 'a do non'. Que modelo industrial quere vostede para o país?
Sempre dixemos que detrás do 'non' a Altri había un 'si' á Galiza; á Galiza que queremos construír, un país en que apostemos polo tecido produtivo, porque acaso é máis importante unha pasteira portuguesa que os milleiros de explotacións que hai na comarca da Ulloa e de Arzúa ou que os milleiros de postos de traballo que dependen da Arousa? Vai crear iso máis futuro para o país? Non. Temos que apoiar que haxa máis proxectos como os que xa existen na Ulloa, sustentábeis, de pequenas e medianas empresas que están coidando o territorio, apostando na innovación... aí é onde temos base para construír futuro. Rueda non contesta por que, se a macrocelulosa era tan boa, non a querían en Portugal. Sabémolo: despois dos grandes incendios púxose unha limitación ao eucalipto en Portugal e o CEO de Altri xa dixo que viñan á Galiza porque aquí podían ter eucalipto sen problema. Iso non é modelo de desenvolvemento do país, é colonialismo industrial.
—Volvendo 10 anos atrás, o presidente era Alberto Núñez Feixoo, o PSdeG e AGE tiñan máis escanos que o BNG... Ao pouco enfrontouse ás urnas, déronlle a volta ás enquisas e nos comicios de hai dous anos o BNG marcou o seu récord en votos. Polo medio, o chamando 'proceso Adiante' para relanzar o BNG... Prevía esta situación cando deu o paso de liderar o Bloque?
O primeiro é que isto é un traballo colectivo, o BNG é unha organización que ten historia e miles de militantes, e o que conseguimos nestes anos é resultado do traballo da organización, do colectivo, da determinación e da convicción de que Galiza necesita o nacionalismo. De todas as nacións que hai no Estado, a que máis necesita o nacionalismo é Galiza. E que o BNG exista non é capricho nin moda, é resultado dunha necesidade que ten o país. En 2016 estabamos nun momento moi difícil para o BNG, na corda frouxa. Había moita xente mesmo dentro da organización que pensaba que o nacionalismo xa non tiña futuro. Nunca acreditei nesa idea, sempre pensei que se acertabamos e conseguiamos facer unha lectura axeitada do que estaba pasando na sociedade, se ofreciamos un proxecto claro, coa man tendida a toda a xente que leva este país na cabeza e no corazón, tiñamos futuro. E acertei. Na Galiza hai moitísima xente que confía no BNG e que confía nel como alternativa para poder dirixir o futuro do país. O reto máis importante que temos é traducir ese amor, ese sentimento de pertenza que hai no país, en termos políticos.
Nesta década estamos demostrando que, cun discurso claro, dirixíndonos ás maiorías sociais, explicando a alternativa do BNG, do que queremos facer para mellorar a vida das persoas, somos capaces de chegar a amplos sectores sociais, e o mellor é que non tocamos teito. Temos moito espazo político para medrar, se seguimos acertando imos ver como máis cedo que tarde este país terá un goberno presidido polo BNG e polo tanto terá máis futuro. Iso é o importante; non estamos en política por unha sigla, estamos en política por unha idea: que o país avance, que Galiza se recoñeza. Temos capacidade para que aquí a xente poida vivir moito mellor. O que nos falla non é o país, senón quen nos está dirixindo neste momento.
—Hai unha data chave nestes 10 anos. Eleccións galegas de 2020, entre confinamentos. As enquisas daban un grande apoio ao Goberno de coalición estatal mais o BNG adiantou ao PSdeG, En Común perdeu a representación e tampouco a lograron Cs e Vox.
Galiza é unha nación, e que ten un sistema político diferente é o que estamos evidenciando: como a alternativa na Galiza pasa polo BNG. Non queremos continuar as mesmas políticas que o PP, queremos cambiar o guión da discriminación coa Galiza, acabar co espolio que se produce dos nosos recursos e utilizar a riqueza que hai aquí ao servizo do desenvolvemento económico do país. Altri é un exemplo, ofrecen o noso territorio a unha empresa portuguesa para que se forre sen importar as consecuencias, cando xa temos case o dobre da superficie de eucalipto prevista para 2030. Non pode ser que unhas empresas marquen a política forestal. Poderiamos estar desenvolvendo madeiras de calidade e ter unha industria de segundas e terceiras transformacións, por que non se fai? Porque a Ence lle interesa seguir con este modelo. O mesmo, coa eólica. Se somos excedentarios na produción de enerxía, por que esa riqueza non reverte no país? Vemos actividades económicas, como a gandaría, con problemas de subministración eléctrica que lles xera perdas. Temos que pór a enerxía ao servizo do país.
—Como se fai iso?
Defendendo unha tarifa eléctrica galega, unha empresa pública de enerxía, que as empresas que obteñan beneficios teñan que reinvestir en industrializar o país ou facendo o que acaba de facer o alcalde de Muras, que se plantou e fixo que a enerxía repercuta na veciñanza, que non vai pagar a luz.
—Como se fai unha tarifa eléctrica galega?
O primeiro é quitar a cadeira que teñen as eléctricas no Consello da Xunta. O segundo, defender isto con convicción ante o Estado. Hai moitos países europeos que teñen tarifas diferenciadas. Como se consegue? Con presión política e marcándonos obxectivos. Os vascos conseguiron unha tarifa máis baixa para as súas empresas electrointensivas. Por que Galiza non o vai facer? Vemos que PP e PSOE van de ganchete no tema eléctrico, pois teñen ex ministros sentados nos consellos de administración das eléctricas.
—Alén do recibo da luz, que facer coa crise da vivenda para que o seu custo non coma os salarios?
Aquí non se fixo política social de vivenda. A Xunta podería declarar zonas tensionadas para controlar os prezos dos alugueres, mais non queren. Fálase de construír vivenda... non digo que non o haxa que facer, pero estamos a falar de prazos de 10 anos, e a xente que non pode pagar un aluguer non pode esperar. Se hai miles de vivendas baleiras, por que non se fai un programa público de compra de vivenda para póla a prezos cos que a xente poida alugar?
—Volvendo á cuestión electoral, veñen eleccións estatais... Falou con Gabriel Rufián estes días?
Pois non, hai moito tempo que non falo con el.
—E como interpreta o seu chamamento e o acto dos partidos de Sumar do pasado sábado?
Teño a sensación de estar nun déjà vu, unha escena que se repite cada vez que hai eleccións: mesma música, distintos intérpretes. Teño claro que para que Galiza avance, para defender os nosos dereitos, o mellor é o BNG. Co BNG imos ter menos dereita e máis dereitos. E máis Galiza, que non é unha cuestión menor. Aquí xa temos unha fronte ampla que representa os dereitos e as liberdades e que defende este país, o BNG. Agardo que a esquerda española sexa capaz de solucionar os seus problemas, pero nós temos unha folla de ruta clara e a alternativa de futuro para que os galegos e as galegas vivamos mellor pasa por reforzar o BNG.
—E que lectura realiza do acordo de investidura de Pedro Sánchez?
O acordo de investidura que conseguiu o BNG é un gran paso para Galiza e hai cuestións concretas nas que imos avanzando: temos descontos históricos na AP-9 e na AP-53, avanzouse no saneamento da ría do Burgo, tamén coa revalorización das pensións mínimas, na modernización do ferrocarril con ese estudo para implantar o tren de proximidade... Son cuestións que melloran a vida dos galegos e das galegas grazas a que temos esa capacidade de condicionar. Se conseguimos isto cun deputado, que non fariamos tendo máis forza en Madrid?
"Non podemos permitir que a nova xeración perda a lingua galega"
Preguntada sobre cal sería a primeira medida a tomar en favor do idioma desde o Goberno galego, Ana Pontón non o dubida: "A derrogación dese decreto da vergoña que converte o noso idioma nunha lingua de segunda e que está provocando que os nenos e as nenas que entran na escola falando galego saian falando castelán”. Estamos, sinala, “nunha situación de emerxencia onde necesitamos convocar o conxunto da cidadanía a algo que nos une; o noso idioma necesita máis apoio e non podemos permitir que a nova xeración perda a lingua”. Igual de rotunda é coa situación da sanidade pública. Denuncia os recortes da Xunta, as longas listas de espera e os contratos millonarios da Xunta da Galiza con Povisa. E, falando alén da axenda política, confesa: "Procuro aprender cada día; é o mellor que podemos facer, no persoal e no político. Aprender na organización na que milito e dunha sociedade galega da que me sigo sorprendendo pola súa capacidade de innovación e de resiliencia".
