Ana Pontón pide a dimisión de Rueda pola súa xestión na vaga de incendios: "É parte do problema; non pode ser da solución"
A portavoz nacional do BNG asegura que o presidente da Xunta non estivo "á altura" nin "antes dos lumes, nin durante, nin despois".
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu desde Verín a dimisión de Alfonso Rueda polo que cualifica de "incompetencia" na xestión da vaga de incendios deste mes de agosto, o seu "deixamento" na aplicación de medidas preventivas e os recortes da Xunta da Galiza no servizo de prevención.
"Rueda ten que presentar a súa dimisión porque quen é parte do problema non pode ser parte da solución", asegurou tras visitar algunhas das zonas máis afectadas nos concellos de Oímbra, Monterrei e Verín.
Alí tamén incidiu en que Rueda "chegou tarde na prevención" e, sobre todo, na posta en marcha dun dispositivo "que permitiría facer fronte aos lumes, que se sabía que podían chegar en calquera momento". "Cando xa estaba a arder unha parte do país, estaba na praza de touros de Pontevedra con Feixoo e Raxoi", lamentou.
Para a nacionalista, o líder da Xunta chega tamén tarde na resposta á crise, "onde é evidente que ten responsabilidades directas que ten que asumir". "Non estivo á altura nin antes dos incendios, nin durante, nin despois", resumiu para incidir en que o titular do Executivo debe presentar a súa dimisión porque o problema "non se vai solucionar con propaganda e coas mesmas promesas de sempre".
"Aquí xa ardeu hai moi poucos anos, fixéronse moitas promesas e vemos como non se cumpriu absolutamente nada, polo que o que exiximos son responsabilidades políticas e un cambio de rumbo en todo o que ten que ver co modelo forestal impulsado polo Partido Popular", defendeu.
A líder nacionalista advertiu de que o PP non vai ser capaz de tapar a magnitude desta catástrofe "nin con manipulación informativa, nin con propaganda, nin con mentiras". "Ten que mentir porque é a única forma de tentar eludir a súa responsabilidade", argumentou, sinalando que Galiza atópase nesta situación "pola irresponsabilidade dun PP que leva 16 anos desmantelando políticas de loita contra os incendios e de protección do territorio".

