O BNG afonda nas alternativas "reais" en materia de vivenda a través dun informe realizado por persoal investigador da USC

O BNG presentou esta segunda feira o informe sobre vivenda na Galiza que encargou ao Instituto para o Desenvolvemento Económico da Galiza (IDEGA) da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Saleta Chao, Ana Miranda, Ana Pontón, María José Piñeira e Rubén Lois, esta segunda feira. (Foto: Nós Diario)
Saleta Chao, Ana Miranda, Ana Pontón, María José Piñeira e Rubén Lois, esta segunda feira. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, criticou en Santiago que o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, continúe, “logo de 17 anos de brazos cruzados nos que deixou ás familias e á xente moza na estada”, instalado “na propaganda en materia de vivenda, unha propaganda que desmenten os datos oficiais”.

“En 2024 anunciou que en 2028 habería 4.000 novas vivendas públicas construídas, pero hoxe, a realidade é que só hai 171 vivendas protexidas rematadas, tanto de promoción pública como privada, que ademais estaban iniciadas antes do seu anuncio”, advertiu, para reprobar a continuación que Rueda persista “en enganar e xogar coas ilusións da xente”.

Sobre a “propaganda” do Goberno do PP, a pesar de que o acceso á vivenda é a primeira preocupación no País, engadiu, que o Executivo deixou sen investir 490 millóns de euros que tiña orzados entre os anos 2019 e 2025 para políticas de vivenda.  

Así o afirmou durante a presentación do informe que o BNG encargou ao Instituto para o Desenvolvemento Económico da Galiza (IDEGA) da USC, na que tamén interveu a coordinadora do estudo, a investigadora e experta en vivenda María José Piñeira, e na que participaron o director do IDEGA, Rubén Lois, a responsábel parlamentaria de Vivenda, Saleta Chao, e a eurodeputada Ana Miranda, para trasladar tamén a Bruxelas a “necesidade de desenvolver políticas que garanten o dereito á vivenda”.

Un informe “amplo e rigoroso” sobre a situación da vivenda na Galiza que lle permite ao BNG ter unha diagnose completa para afondar nas súas “alternativas reais” neste ámbito de actuación e do que Pontón destacou dúas conclusións.

A primeira, que a construción de vivenda protexida “caeu en picado” a partir de 2010, “xusto cando o Partido Popular regresa á Xunta”, unha caída que se prolonga até a actualidade e que tivo anos nos que a cifra de vivendas protexidas “foi absolutamente ridícula”, como en 2024, con cinco vivendas protexidas con cualificación definitiva.

A segunda, que as Vivendas de Uso Turístico (VUT) tiveron entre 2020 e 2024 “un crecemento exponencial” en todo o país, menos en Santiago, no que as VUT baixaron 13%. “Non é casualidade, isto demostra que cando hai políticas decididas como as que está levando adiante o Goberno do BNG neste concello, pódese actuar para favorecer o dereito á vivenda”, remarcou.

Ante a “incapacidade do Goberno do Partido Popular para ofrecer solucións e medidas reais e efectivas”, tal e como demostrou “o presidente do estancamento” no Debate do Estado da Nación, a portavoz nacional avanzou que o “goberno alternativo” do BNG vai reforzar as súas propostas en materia de vivenda. 

Neste senso, avanzou que o Bloque vai desenvolver esta mesma semana unha xornada específica sobre políticas de vivenda na que, baixo o título de ‘A Vivenda na Galiza, retos e solucións’, abordará as alternativas a desenvolver para ofrecerlle “solidez” aos galegos e ás galegas neste ámbito de actuación, xornada que contará con persoas expertas en diferentes materias, entre as que citou á directora xeral de Nafarroa, unha das comunidades que está a desenvolver unha política de vivenda máis avanzada. 

“Galiza merece que a vivenda volva a ser un dereito”, alegou, para destacar a continuación algunhas das propostas que, con este obxectivo, a organización nacionalista está pondo xa en riba da mesa. Propostas como que toda a vivenda protexida teña unha declaración de protección permanente como fórmula para acabar coa especulación.

“A día de hoxe un promotor pode recibir até 50.000 euros para construír unha vivenda protexida e esa vivenda en 15 anos pode volver a estar no mercado a un prezo absolutamente imposíbeñ”, indicou logo de criticar ao PP que “dinamitara” durante 17 anos a política social de vivenda e favorecera “a especulación convertendo o dereito á vivenda nun luxo”.

Outra das medidas defendidas polo BNG é a compra de toda a vivenda protexida que se poña á venda, tendo en conta que nos últimos anos vendéronse case 7.000 vivendas públicas que hoxe poderían formar parte do parque público de vivenda e pórse polo tanto á disposición da cidadanía “se realmente o señor Rueda quixera”.

“Sabemos que nos próximos cinco anos caducará a cualificación de vivenda protexida para 14.000 vivendas públicas, por iso cremos que é importante que toda esa vivenda siga manténdose no ámbito da xestión pública”, subliñou Pontón, quen tamén avogou pola declaración de zonas tensionadas como ferramenta para controlar o prezo dos alugueiros, fronte “a un Executivo de Rueda que está a boicotear esta medida”.

Análise dos datos

Pola súa banda, a coordinadora do informe analizou algúns dos principais datos recollidos no informe, como que o esforzo financeiro que teñen que facer as familias para acceder á vivenda e que na maior parte dos casos supera 30% dos seus ingresos. “Os prezos da vivenda corren máis que o incremento dos salarios, estes subiron 21%, pero as vivendas en compra 24,3% e en alugueiro 24,7%”, afondou.

María José Piñeira tamén se referiu á evolución de vivenda e creación de fogares e subliñou que no período 2020-2024, os fogares incrementáronse en 22%, cunha etapa até 2007 no que a creación de vivenda era moi superior á creación de fogares, tendencia que mudou a partir dese ano, desde o que se rexistra un decrecemento importante no número de vivendas construídas, evidenciando un desequilibrio, “xa que hai creación de fogares, pero non hai creación de vivenda”.

De igual xeito, advertiu de que na Galiza o alugueiro só representa 12,3%, tres puntos por debaixo da media estatal e moi lonxe de 25% dalgúns países europeos e recordou que dos 22.680 demandantes de vivenda que o IGVS ten rexistrados -dato que considerou sesgado, xa que non todo o mundo coñece que hai un rexistro de demandantes-, 83,8% reclaman unha vivenda de promoción pública, non privada, e 53,6% solicitan que sexa de alugueiro.

Aliás, Piñeira alertou de que Galiza é a comunidade con máis vivenda baleira do Estado, con 506.351 vivendas baleiras nun parque total que supera o 1.700.000 vivendas e que o país ten tres focos principais de concentración de VUT (en Vigo, Sanxenxo e A Coruña), se ben toda a costa galega está intensificando a ratio de VUT por vivenda, sendo Santiago “o único concello no que descenderon no período 2020-2024”.

Neste contexto e á hora de asentar unhas bases para unha política pública de vivenda, a coordinadora do informe apuntou a necesidade de focalizar a atención en rehabilitar en lugar de construír de novo, “o que non significa que non se siga construíndo”. Tamén apelou a atender a un cambio de modelo de vivenda protexida para que esta conte “con cualificación permanente e a regular as VUT e o alugueiro turístico, camiñando cara a unha gobernanza metropolitana” en materia de vivenda.

Comentarios