Pontón pide unha moratoria indefinida do eucalipto
Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, propuxo esta quinta feira desde Agolada (O Deza) unha “moratoria indefinida do eucalipto” como primeiro paso para acadar un monte ordenado, multifuncional e en mosaico que permita “protexer mellor” a Galiza fronte aos lumes.
Esta é a proposta que o BNG vai levar ao Parlamento para evitar a proliferación dunha especie que converte os montes galegos “nun polvorín en pleno cambio climático”, advertiu Pontón logo de visitar e manter un encontro coa veciñanza da parroquia do Sexo, en Agolada, unha das afectadas pola última vaga de incendios na comarca do Deza. A portavoz nacional reclamou un “xiro de 180 graos” na política forestal do Goberno galego para evitar que o acontecido este verán se volva repetir, polo que incidiu na necesidade de establecer unha moratoria indefinida do eucalipto, máis tendo en conta que o que houbo até o ade agora foi “unha moratoria pantasma” de escasa eficacia.
Neste sentido, recordou que a propia Asociación de Enxeñeiros Forestais da Xunta da Galiza alertou de que a plantación de eucaliptos aumentou en 6.000 hectáreas desde que empezou a actual moratoria decretada pola Xunta que remata este 31 de decembro.
A líder nacionalista advertiu que hoxe en día hai, como mínimo, 230.000 hectáreas máis desta especie das que estaban previstas no propio Plan Forestal da Xunta ata 2032. Unha cifra que pode ser maior, recalcou, ao estar desactualizada porque o Executivo de Alfonso Rueda “oculta os datos do último censo forestal”.
Altri e Ence
“Desde o BNG solicitamos a aplicación inmediata dunha moratoria indefinida do eucalipto porque cremos que o noso monte non ten que estar ao servizo de grandes pasteiras como Ence, Navigator ou Altri”, incidiu, para advertir que con esta nefasta política do PP “quen gañan son as celulosas e quen perde é Galiza e a xente do medio rural”.
A portavoz nacional recalcou que a última vaga de lumes ten que ser “un punto de infle-xión” xa que non se chegou a ela por casualidade, senón “despois de máis de 35 anos de goberno do Partido Popular que fomentan o abandono do medio rural cunha política forestal
fracasada”.

