Os alcaldes do PSOE de Cedeira, Cerdido e Valdoviño opóñense ao parque eólico Badulaque

A oposición aos proxectos eólicos aprobados polos Gobernos da Galiza e do Estado chega destes as diferentes opcións políticos. Mentres o rexedor de Cerdedo-Cotobade e voceiro do PP na Deputación de Pontevedra, Jorge Cubela, oponse ás instalacións previstas no seu concello, os alcaldes socialistas de Cedeira, Monfero e Valdoviño rexeitan o complexo eólico Badulaque.

Os plans de Enel Green Power, filial de renovábeis de Endesa, pasan por levantar seis novos parques eólicos na Galiza (Foto: Luis Vilanova).
photo_camera Enel Green Power, filial de renovábeis de Endesa, impulsa o parque eólico Badulaque. (Foto: Luis Vilanova).

Badulaque é un proxecto de parque eólico impulsado por Enel e autorizado polo Estado. A instalación emprazase nos concellos das Somozas, Cedeira, Cerdido, Moeche e Valdoviño e localízase fora da área delimitada no Plan sectorial eólico. Precisamente, por esta razón a súa autorización requiriu unha declaración de excepcionalidade por parte do Goberno galego, previa a aprobación definitiva do Executivo español.

O complexo eólico, cunha potencia instalada de 90 megawatts, fai parte das instalacións destinadas a fornecer de electricidade a prezo taxado a factoría de Alcoa en Cervo. O seu emprazamento e autorización foi presentado polo Executivo estatal como unha mostra do seu compromiso co sector industrial galego, parabenizando o delegado do Goberno na Galiza, José Miñóns, ao Ministerio de Transición Ecolóxica por “desbloquear” proxectos “estratéxicos” para Galiza.

Os alcaldes socialistas de Cedeira, Cerdido e Valdoviño téñenlle declarado a guerra a este complexo eólico. Neste sentido, o rexedor do primeiro municipio, Pablo Moreda, non dubidou en sinalar que “estamos totalmente decepcionados coa tramitación que se fixo e decididos a tomar medidas e chegar até o final para defender os intereses dos veciños de Cedeira”. Neste sentido, anunciou a súa intención de reunirse cos voceiros dos grupos municipais co obxectivo de definir “medidas conxuntas” e afirmou que “iremos até o contencioso, se é preciso, para defender os intereses dos veciños”.

Cedeira

Moreda, o único alcalde socialista da Coruña que apoiou a Gonzalo Caballero fronte Formoso no pasado proceso de primarias, considerou unha “tomadura de pelo” a tramitación da Declaración de Impacto Ambiental (DIA) do parque Badulaque e denunciou que “son uns aeroxeradores brutais e a súa instalación está fóra do plan sectorial galego, que é o marco no que deberían executar este tipo de proxectos”.

Benigno Gallego, o rexedor socialista de Cerdido, non agochou o seu malestar fronte a un parque eólico que “tería unhas consecuencias irreparábeis a nivel ambiental, de ecosistema e, sen dúbida, modificaría o día a día de todos os cerdidenses”. Nesa dirección, criticou que desde “o Goberno central non remitiron contestación algunha ás alegacións ao impacto ambiental que se enviaron desde o pleno municipal, asinadas polos dous partidos”.

O alcalde socialista de Valdoviño, Alberto González, persoa moi próxima a Formoso, foi o último en rexeitar o proxecto de Badulaque. Onte mesmo, fixo público un comunicado, onde “insta ao Goberno central a dar marcha atrás na súa aprobación”, “solicita unha reunión urxente coa subdelegada e co delegado do Goberno en Galicia para aclarar a situación xerada” e denuncia  que “algúns dos aeroxeradores formuladas non cumprirían a distancia mínima de 500 metros aos núcleos rurais de O Seixidal e San Pedro”. 

Comentarios