Alcaldes anuncian mobilizacións contra o fechamento de oficinas de Abanca

Os alcaldes da Baña e de Zas e a alcaldesa de Vimianzo anuncian accións conxuntas contra o fechamento de sucursais de Abanca e urxen Feixoo a actuar. A Deputación de Pontevedra sinala Feixoo culpábel, ao igual que o BNG, que denuncia que a Xunta subvencione con 2,8 millóns a colocación de caixeiros automáticos a bancos que fecharon sucursais.

Os alcaldes e a alcaldesa da Baña, Vimianzo e Zas anuncian accións conxuntas (Foto: Europa Press)
photo_camera Os alcaldes Baña e Zas e alcaldesa de Vimianzo anuncian accións conxuntas (Foto: Europa Press).

Os alcaldes dos municipios da Baña, Vimianzo e Zas anunciaron accións e mobilizacións conxuntas para evitar o fechamento de oficinas previsto por Abanca en diversos concellos do rural galego e que afectan directamente a 10.000 veciñas e veciños, segundo estimaron.

Os rexedores solicitarán unha reunión co presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, para que "se poña á fronte das reivindicacións", posto que estes tres municipios consideran que é o único con capacidade para "falar da ti a ti" coa entidade financeira.

Ademais, queren reunirse co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela, para tentar convocar unha asemblea de concellos e analizar a estratexia de concentración de oficinas da entidade e o abandono que sofren os núcleos rurais.

As mobilizacións iniciaron coa recollida de firmas nos tres municipios e desembocarán nunha manifestación ante a propia sede da entidade financeira, buscando esgotar as posibilidades na súa man (incluído estudar medidas legais) para "lograr que reconsideren esta decisión".

Manuel Muíño, alcalde de Zas, lamentou que a decisión de fechar as oficinas obedece unicamente a un interese por incrementar ganancias e non por unha cuestión "de perdas".

"É un atentado contra o rural", engadiu o alcalde da Baña, José Antonio Pereira, mentres que Mónica Rodríguez, alcaldesa de Vimianzo, lamentou a falta de comunicación por parte da entidade para tentar "estabelecer un diálogo".

"Non podemos permitir este desmantelamento", insistiu, ao tratarse dunha cuestión que afecta todas as cidadás e cidadáns, comerciantes e á actividade nos municipios. Polo de agora, son nove as oficinas afectadas (A Baña, Baíñas, Zas, San Valentín, Campo Lameiro, Campelo, San Xoán de Río, Padrenda e Quintela de Leirado).

A Deputación de Pontevedra insta a actuar

Esta mesma sexta feira, 13 de agosto, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, exixiu a Feixoo que empece a buscar solucións ao fechamento de ucursais bancarias no rural, tras consideralo "o responsábel do que está a pasar", “deixando boa parte as veciñas e veciños sen un servizo indispensábel".

Neste sentido, emprazou o presidente galego a dar explicacións "da súa inacción" e lamentou as consecuencias do "completo desastre" da privatización das caixas de aforros.

Carmela Silva acusou ademais Feixoo de non asumir as súas competencias e botar a culpa ao Estado.

Feixoo reclama ao Estado solucionar o problema

Precisamente, o presidente Núñez Feixoo afirmou este 13 de agosto sobre os fechamentos de sucursais bancarias na Galiza que en España debería existir "unha normativa para regular e fixar un mínimo de presenza do sistema financeiro nas vilas".

"É evidente que o que ocorre en España, non só na Galiza, se non en boa parte das vilas en que habita pouca xente, que as entidades retiran oficinas e caixeiros. Non comparto esas decisións", dixo, antes de remarcar que, ao seu modo de ver, este tipo de cuestións "deberían de ter un mínimo de regulación".

O BNG acusa a Xunta de "premiar" os feches 

Pola súa banda, a deputada do BNG Olalla Rodil censurou que a Xunta aprobase recentemente unha orde para subvencionar con 2,8 millóns de euros a instalación de caixeiros automáticos en concellos do rural que carecen de entidades.

A Xunta "paga a Abanca 2,8 millóns para que feche entidades e logo lle subvenciona a instalación de caixeiros automáticos", criticou. 

 Rodil exemplificou esta situación co caso de Muras onde o alcalde, o tamén nacionalista Manuel  Requeixo, "denunciou que Abanca ía fechar a súa sede neste concello e agora vai ser a Xunta quen manteña un caixeiro automático".

"Isto é inadmisíbel, o que se debería exixir por parte da Xunta e do Goberno estatal a esas entidades financeiras é que non poden deixar sen servizo bancario a xente, pois é un dereito fundamental, tratándose ademais de entidades que foron rescatadas con cantidades obscenas de cartos públicos hai poucos anos" , obxectou.

Comentarios