A Agrupación de Electores, cunha soa acta, decidirá o futuro de Redondela

AER veta a renovación da socialista Digna Ribas.
Digna Ribas, no centro. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Digna Rivas, no centro. (Foto: Nós Diario)

A Agrupación de Electores de Redondela (AER) ten a chave do futuro Goberno deste concello da comarca de Vigo, após conseguir unha acta nas eleccións municipais do pasado domingo 28 de maio.

Nestes comicios, a listaxe máis votada en Redondela foi a do PP de Javier Bas, que ficou en 10 concelleiros, un por baixo da maioría absoluta. A socialista e candidata á reelección Digna Ribas logrou manter 7 edís, mentres que o BNG de Xoán Carlos González conseguiu subir de 2 a 3 representantes. 

Así, a posición de AER será determinante na configuración do próximo Goberno redondelán e o seu candidato, José Carlos Orxe, xa manifestou que non dará o seu voto ao aspirante do PP, pero tampouco votará Digna Ribas. 

PSOE e AER comezaron gobernando no pasado mandato, mais acabaron rompendo o pacto por discrepancias no Executivo municipal. AER propuxo, como primeira opción, que Ribas dese un paso a un lado, e propuxera calquera outro candidato da súa lista como aspirante á Alcaldía. Como segunda opción, sinalou a posibilidade de votar o candidato do BNG para ser alcalde. 

O BNG non opta á Alcaldía

O nacionalista Xoán Carlos González sinalou que a posibilidade de que el asuma a Alcaldía "non é unha proposta que saíra do BNG" e puxo de manifesto que "non se formula optar" a facerse co bastón de mando. Afirmou que a formación nacionalista traballará para que "en Redondela haxa un Goberno de esquerdas", recalcando que o BNG "non veta ninguén".

Orxe, pola súa parte, adiantou o posicionamento de AER, que favorecería un Executivo do PP: "Dígoo con tristeza, pero parece que vai gobernar a dereita". "Nós non nacemos para darlle o Goberno á dereita, pero tampouco para tragar con calquera cousa".

Comentarios