AGE di ver un "horizonte de esperanza" nos resultados das europeas

Martiño Noriega (Anova) e Rubén Pérez (Esquerda Unida) sinalaron que ao abeiro dos dados "Feijóo non gobernaría hoxe Galiza" e saudaron "a emerxencia, como un tsunami" de Podemos con quen din, "non competimos". 

AGE
photo_camera [Imaxe: AGEE]

Os responsábeis de campaña da Alternativa Galega de Esquerda en Europa, Martiño Noriega e Rubén Pérez, valoraron esta terza feira (27 de maio) os resultados eleitorais colleitados pola candidatura nas eleccións ao Parlamento europeo. En comparecencia de imprensa aseguraron que os dados deixan ver "un horizonte de esperanza" após a queda dos apoios a PP e PSOE e mesmo aseguraron que "o réxime bipartidista derivado da Transición corre serio risco". 

Así mesmo, Rubén Pérez (EU) asegurou que "con estes resultados, Feijóo non gobernaría hoxe Galiza" e amosou a satisfacción da coligación por se "consolidar como terceira forza". 

Pola súa banda, Martiño Noriega (Anova) salientou o avanzo da "esquerda rupturista" na Galiza e no Estado español, dixo, face o incremento da "extrema dereita" que se produciu "noutras partes" de Europa. 

AGEE di non competir con Podemos

En relación ao ascenso eleitoral de Podemos que conqueriu 5 escanos na Eurocámara e o 8,34% dos apoios no país, desde AGEE aseguran que saúdan "a emerxencia, como un tsunami" da formación coa que din, "non competimos".

Se ben unha parte dos votos colleitados polo partido de Pablo Iglesias proviñan do eleitorado de AGE desde a coligación apuntan que estarían a "dar as costas" ao seu "discurso se non saudasemos este fenómeno esperanzador".

Comentarios