Adolfo Muíños Sánchez, Alcalde de Rianxo

Adolfo Muíños, alcalde de Rianxo: "A obra de Castelao ten unha vixencia plena"

O nacionalista non repetirá como candidato á alcaldía. (Foto: Arxina)
No 73 aniversario do pasamento de Afonso Daniel Rodríguez Castelao, Nós Diario conversa co que foi, durante os últimos 12 anos, alcalde da vila natal do que é considerado pai do nacionalismo galego. Adolfo Muíños Sánchez fai balance do seu mandato á fronte do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Rianxo.

—Como celebra Rianxo este 73 aniversario do pasamento de Castelao?
É xa unha tradición que o BNG celebre a apertura do ano político en Rianxo, un acto que se suma á ofrenda que o BNG de Rianxo realiza sempre a Castelao. Trátase dun acto o máis solemne posíbel no que mantemos a vixencia do seu pensamento político, á vez que lembramos as profundas raíces rianxeiras que tiñan Castelao e a súa familia.

—Unha figura como Castelao, debería celebrarse máis dun día?
Eu creo que Castelao hai para os 365 días do ano. Precisamente, desde o Goberno municipal inténtase que así sexa e que todos os días se poida celebrar e lembrar Castelao. O  Concello abriu un itinerario que vincula máis de 33 lugares que fan referencia á súa traxectoria vital, literaria e política en Rianxo. Esta ruta pódese facer en calquera momento do ano e inclúe desde episodios da súa infancia, da súa escrita literaria, as súas amizades, o entorno no que viviu, até onde desenvolveu a súa praxe política e xornalística n'O Barbeiro Municipal. Desde Rianxo podemos interpretar boa parte da traxectoria de Castelao, que nunca deixou de ter a vila como referente na súa actuación. 

—Queda traballo por facer en canto a honrar a súa memoria?
A musealización da casa de Castelao é a materia pendente, non para o Goberno municipal, senón para a Presidencia do país. A figura de Castelao pide que haxa vontade desde a Presidencia da nosa nación para embarcarse no rescate da súa vivenda, e que sexa patrimonio público. É unha tarefa  pendente da nosa nación que un dos seus fillos máis senlleiros sexa tratado como merece.

—Que pensaría Castelao ante a situación política actual?
Non querería nin preguntarlle! Parece mentira que a situación política sexa así. Non quero nin pensar o que diría se soubese que se lexisla en contra do propio idioma. Durante un período no que debería haber un amor pola lingua que evitase a súa degradación, comprobamos como por primeira vez na historia o número de castelanfalantes supera o de galegofalantes. Isto prodúcese cun Goberno autonómico que está compracido nesa situación.

Poderiamos falar de acreditar nun país que non é pobre. Aquela mensaxe que el axudou a deseñar cando falamos do primeiro estatuto da Galiza, aqueles carteis que facían referencia aos tetos da vaca, que uns moxen para que outros leven o leite. Hoxe estamos ante unha situación igual: cambia os tetos da vaca por muíños eólicos e a enerxía que producimos, para que outros acaben levando os beneficios. 

Castelao fixo unha obra, tanto literaria como política nese Sempre en Galiza, que ten unha vixencia plena, sempre interpretando a luz dos tempos, pero con mensaxes que seguen a ser tremendamente poderosas. 

—Esta é a última homenaxe a Castelao como alcalde da súa vila natal. Que balance fai destes últimos 12 anos?
No que atinxe a Castelao son 12 anos nos que intentamos ser fieis ao seu pensamento e defender con unllas e dentes o noso patrimonio, a nosa lingua e a nosa cultura. Coido que, nese sentido, acudimos a esa chamada a ser consecuentes co noso pensamento e co de Castelao.

Responsabilizámonos de cuestións relacionadas co noso dereito a producir, con loitas como a do xeito ou contra a lei de acuicultura. Tamén buscamos o maior apoio social e facer un Goberno para todas e todos. 

Isto é o que pretendemos ao longo deste anos, sen perder a decencia nin a responsabilidade.

Tarefas pendentes para o BNG de Rianxo

Adolfo Muíños considera que as tarefas ás que se enfrontará o BNG rianxeiro teñen que ver co reforzo social. O alcalde agarda que haxa "colaboración institucional" para que unha adquisición tan "importante" para a veciñanza como foi a do Pazo de Rianxiño acabe sendo un centro de día público. "Fíxose un esforzo enorme para pór o pazo nas mans da institución competente, a Xunta da Galiza, para crear ese centro de día", sinalou Muíños. A este centro de día o alcalde agarda que se poida sumar unha residencia pública, pois o Concello e a Deputación da Coruña atópanse en diálogo para a cesión dun espazo. 

Muíños destacou tamén os fondos conseguidos (un millón de euros) para rehabilitar un Ben de Interese Cultural como é o Pazo de Martelo, a sede da biblioteca municipal rianxeira, unha reforma que o alcalde agarda se faga realidade.