O novo orzamento ascende a 264 millóns de euros

Vigo aproba as contas para 2021 cos votos en contra de toda a oposición

O pleno municipal de Vigo aprobou a cuarta feira e de forma definitiva, os orzamentos da entidade local para o 2021, que ascenden a máis de 264 millóns. A aprobación fíxose cos votos favorábeis do grupo de goberno (PSOE) e co rexeitamento da oposición (BNG, Marea de Vigo e PP).
EuropaPress_3492100_alcalde_vigo_abel_caballero_varios_concejales_gobierno_celebran_aprobacion
photo_camera O alcalde de Vigo e algúns dos seus concelleiros. (Foto: Concello de Vigo)

O concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, quixo subliñar que as contas permitirán á cidade "xerar economía", porque contemplan "gasto público produtivo" que impulsará a recuperación económica de Vigo no escenario postpandemia. 

A satisfacción do grupo socialista contrasta coa perspectiva dos tres grupos da oposición, que votaron en contra dos orzamentos e afeáronlle ao goberno local que deseñara unhas contas que están "fóra da realidade".

Así, o edil do BNG, Xabier Pérez Igrexas, apuntou que o goberno debuxa os orzamentos "como se a pandemia non existise" e, "nese Vigo imaxinario, falan de gasto produtivo cando, en realidade, é gasto inaugurábel".

Constatou unha actuación "delirante" cuxo "único proxecto" para reactivar a economía son "as ramplas e os ascensores".

"Estas contas son unha oportunidade perdida, o único que queren é manterse no goberno, pero non gobernar".

Pola súa parte, o portavoz de Marea de Vigo, Rubén Pérez, lamentou que el goberno de Abel Caballero non "escoitase" a cidadanía e non incorporase ningunha proposta de ningún colectivo nin da oposición, e criticou as insuficientes partidas para Política Social.

Nesta liña, o popular Alfonso Marnotes cualificou a execución do orzamento de 2020 de "vergoñenta" e advertiu que "as políticas de Benestar Social non poden ser só axudas de emerxencia" e censurou que “si se lle dera unha axuda a Vitrasa", de máis de dous millóns para compensar as perdas no estado de alarma.

Comentarios