Abel Caballero oponse "frontalmente" a unha taxa para ir ás Cíes

O CSIC enquisa as visitantes do espazo protexido para saber se estarían dispostas a pagar 5 euros por recuperar a flora e a fauna do espazo

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, en rolda de prensa. (Foto: Europa Press)
photo_camera O alcalde de Vigo, Abel Caballero, en rolda de prensa. (Foto: Europa Press)

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, mostrou a "oposición frontal" do Concello ao estabelecemento dunha taxa turística para acceder ás illas Cíes, despois de que o Consello Superior de Investigación Científicas (CSIC), adscrito ao Ministerio de Ciencia e Innovación do Estado español, enquisara os e as visitantes se estarían dispostas a pagar 5 euros para recuperar a flora e a fauna do espazo protexido.

"O Concello oponse frontalmente a calquera taxa turística na cidade e nas Cíes", criticou Caballero, aproveitando a ocasión para atacar de novo a Xunta da Galiza (a pesar de que a enquisa provén do ente estatal) porque, segundo dixo, é o Executivo galego quen xestiona as Cíes.

"Era o que nos faltaba, que traiamos xente desde o Concello á cidade e que cando vaian ás Cíes a Xunta lles cobre", engadiu.

Caballero reivindicou a “importancia do turismo” e o “traballo do Goberno local por atraer máis visitantes á cidade, co obxectivo de xerar emprego”, polo que se opón "frontalmente" a calquera taxa turística.

Conservación do patrimonio

Pola súa banda, fontes da Consellaría de Medio Ambiente da Xunta explicaron que a enquisa é un estudo que está a levar a cabo o Goberno estatal a través do CSIC e que conta coa colaboración do persoal do Parque.

"O primeiro que cabe aclarar é que non se está estudando a implantación de ningún tipo de suplemento para acceder a este parque natural. De feito, cabe lembrar que a entrada aos parques nacionais por lei é gratuíta", engadiu a Xunta, que lembrou que este tipo de estudos realízanse con certa periodicidade nos parques estatais por parte de distintos organismos.

O seu obxectivo, segundo engade a Xunta, é coñecer a valoración da cidadanía respecto da conservación do patrimonio natural, incluíndo o custo económico que supón, así como concienciar da necesidade da súa preservación.

Comentarios